Crónicas de agora e sempre

Vicente del Seixo, o ilustrado feminista

Estados de ánimo de los jugadores de lotería.
photo_camera Estados de ánimo de los jugadores de lotería.
Fillo dun “escribano del Rey” e “hijodalgo de sangre” bautizado na igrexa de Santa Eufemia, estamos diante dun ilustrado do século XVIII que foi “contador” da primeira lotería española, agrarista, feminista e autor de libros con títulos quilométricos

O estado de axitación no que vivimos embeleñados arredor do machismo-feminismo, igualdade-supremacismo, alimentado polos extremos e fendido con frecuencia polo orballo de sangue co que nos zarabaten por aquí e acolá crimes sen explicación e sen remedio, anímame a traer a colación a este ourensán que en 1801 reflexionaba arredor da formación e da función da muller naquela sociedade e sobre outras ideas que fixeron del un tipo tan singular que na función pública chegaron a ofrecerlle en 1796 “cualquier empleo que le acomode”.

Din as crónicas de efemérides -coma unha de Otero Pedrayo-, que cos paseos de Vicente del Seixo polo Espolón da praza Maior rematou o século XVIII en Ourense. Unha praza Maior, esta, na que debía estar situada a “escribanía” de Juan Martín del Seixo e, con ela, o domicilio do matrimonio formado con María Gregoria Fernández Plaza y Suazo, do que xurdiu o tal Vicente un día calquera do ano 1747.

Fillo dun casal tan ben posicionado, o normal era que o futuro do rapaz estivese marcado polos estudos. E tan foi así que nun reconto de méritos que lle foron valorados para admitir o seu ingreso na “Sociedade económica valenciana de Amigos del País”, resumen a súa traxectoria deste xeito:

“Fue examinado de Gramática y Retórica por el claustro de la Universidad de Santiago para unas becas de Filosofía del colegio de San Gerónimo. Cursó trece años de estudos mayores, dos actos mayores ‘pro Universitate’, recibió los grados de Bachiller en Leyes y Cánones y asistió más de tres años al estudio práctico del Foro”. E todo elo por colexios de Santiago, Valladolid e Salamanca.

Non é de estrañar, pois, que cando, no mes de decembro de 1770 recala en Madrid, o faga xa con boas perspectivas que o levan a traballar na “Dirección y Contaduría general de la Renta de Lotería”, que había tan só uns anos viñera a poñer en marcha en España -por decisión de Carlos III e intermediación do ministro, o Marqués de Esquilache- o responsable da Lotería napolitana Jo´se Peya, que tantos éxitos racaudatorios lle tiña fornecido ó goberno italiano.

Vintedous anos botou Vicente del Seixo como contador da renda da Lotería -cunha estadía intermedia en Cuenca-, o cal lle ofreceu unha tranquilidade económica e un posicionamento social exclusivo para instalarse entre a elite madrileña, integrándose -entre outros colectivos- na “Sociedad Económica Matritense” e encargándose da sección de Agricultura da mesma, o que lle da pé para iniciar unha producción literaria formada por unha ducia de edicións divulgativas que abrangueron contidos tan diversos coma a propia agricultura, a relixión (polo cal foi censurado pola Inquisición), a formación, a cultura e o papel da muller na sociedade, a cuestión política, científica e militar da xuventude española e incluso a promoción de viaxes ó exterior para adquirir coñecementos. E todos cuns longuísimos títulos dignos dunha exposición literal.

Ó que máis rendemento lle sacou foi ó primeiro, titulado “Lecciones prácticas de agricultura y economía que da un padre a su hijo para que sea un buen labrador en cualquier país del mundo (...)”

En cinco tomos e arredor de mil duascentas páxinas, Vicente del Seixo constrúe un completísimo tratado sobre os aspectos máis diversos e concretos da agricultura, reservando o quinto para a “agricultura de las viñas” e para deixar impresa unha dedicatoria: “A mis conciudadanos, a los habitadores de las márgenes del Miño a los que, cultivando sus collados y oteros, los pueblan de sarmientos y vides, que aumentan sus pámpanos por las deliciosas riberas de Orense”.

Un valente “discurso sobre la capacidad de las mujeres para las ciencias y las artes”

Ademais dos cinco tomos sobre Agricultura, xa na etapa final da súa vida -a publicación é de 1801 e el morre en 1802- Vicente del Seixo publica unha obra menos voluminosa, pero non por iso menos interesante, sobre a cuestión feminina.

Titulado “Discurso filosófico y económico político sobre la capacidad o incapacidad natural de las mujeres para las ciencias y las artes y si en razón de su constitución o por defecto de su potencia intelectual y organización física deben o no tener otras ocupaciones que las de rueca, calceta y aguja”, o mesmo contén catorce artigos nos que defende a necesidade de que a muller teña acceso á formación educativa e á cultura, aínda que dende unha perspectiva relixiosa, caendo nun certo contrasentido ó manter o universo formativo e cultural da muller no ámbito familiar “formándoas como nais-educadoras” e mantendo a exclusividade na formación social, laboral e política do home.

De todos modos, esa aparente contradición sostida no feito de que, se ben é certo que aborda a formación da muller, non considera a igualdade en tódolos ámbitos da vida -estamos en 1801-, a proposta non deixou de ser o limiar do proceso de liberación futura da muller, xa que logo, co acceso á formación cultural, unha vez lograda a formación, chegaría a etapa inexorable da reivindicación social en igualdade de condicións có home.

É certo que dende a teorización desenvolvida por Vicente del Seixo, ata os nosos días, pasaron moitos invernos. Sen embargo, tal como afirma a investigadora Ana Sánchez Bello, “polo seu interese en defender a capacidade intelectual das mulleres, Del Seixo convértese nun precursor no movemento orientado a rematar coa situación de inxustiza de que estas son obxecto”. 

É moi posible que na decisión de abordar tal asunto con profundidade tivese algo que ver o estudo desenvolvido 75 anos antes polo seu coterráneo, o Padre Feijóo, coa coñecida “Defensa de las mujeres” incluída no “Teatro Crítico”.

Dende o punto de vista económico non lle debeu ir moi mal ó “contador de rentas”, pois en febreiro de 1781 (con só 33 anos) solicita permiso para construir unha casa sobre outra xa existente, no número 12 da céntrica rúa madrileña de San Bernardo, ó pé do cruce da Gran Vía.

E se en Madrid tivo casa, aínda que pareza raro, en Ourense conta cunha rúa “pequechiña” por tras da estación de San Francisco. 

Te puede interesar
Más en Sociedad