CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

O xuíz-poeta que asaltou o Senado

Nesta casa da Praza das Pitas naceu o ínclito xuíz e poeta Paco Roque.
photo_camera Nesta casa da Praza das Pitas naceu o ínclito xuíz e poeta Paco Roque.
Atendía ó nome de Paco Roque e chegou a ser moi popular en Galicia. Estudou dereito, exerceu de xuíz e, xa xubilado, cunha guitarra e un poema foi ó asalto do Senado para tomar posesión como ministro, pero un uxier non lle abriu a porta

Ó fío da semana na que disque os xuíces estiveron a piques de “asaltaren” o Congreso e o Senado, véuseme á memoria un singular meu veciño que exerceu de xuíz municipal, dictaba as sentenzas en verso e, xa senil, percorreu os camiños e os xornais satíricos de Galicia “rumiando” os seus poemas “por casas, cafés y bajo las copas de los árboles” e, posuído dunha “monomanía de grandeza”, un día chegou ó Senado e dixo: “Soy Paco Roque y vengo llamado por Sagasta para ocupar un ministerio!”.

Se cadra, para facernos unha idea rápida do perfil do personaxe, habería que mentar a Juan de la Coba, aquel ourensán que foi quen de crear o trampitán -idioma propio, que só el sabía falar-, de inventar o pirandárgallo ou paraugas universal e o globo que servía para transportar á xente en viaxes transoceánicas con só subir atmosfera e agardar a que a terra fixera o seu xiro circular, para logo baixar no punto cardinal que un desexase.

Francisco Roque Rodríguez non forma parte da memoria popular ourensá ó nivel de Xan da Coba, o cal non quere dicir que nos derradeiros anos da súa vida non fose obxecto de atención nos xornais galegos -sobre todo, nos satíricos- incluso con máis intensidade e dedicación có creador do trampitán.

Nacido en 1806 nunha boa casa da Praza das Pitas de Celanova, emparentado -a dicir de López Morais- coa saga dos Quirós, “familia de rancio abolengo que se dice prima segunda del propio Nuestro Señor Jesucristo” e con abondosas propiedades en Bobadela que lle permitían vivir de rendas, estudou dereito en Santiago e dedicou a súa vida, ademais de á avogacía, a exercer de xuíz municipal por substitución durante unha manchea de anos, cargo que lle outorgou merecida fama, que  se resume de contado no escrito que en 1959, medio cento de veciños lle remitiron ó Concelllo para que lle puxeran o nome á travesía situada a carón da súa casa: “...ha desempeñado tal cargo con gran espíritu de justicia, enalteciendo una de las más sagradas funciones, y en ciertos destellos, innegables hoy, que llaman poderosamente la atención porque el desarrollo del Derecho Penal vino a confirmar sus humildes y sencillas sentencias”.

Pero esa popularidade local saltou primeiro a Ourense, logo ó resto de Galicia e finalmente a Madrid, cando, ademais das excentricidades propias da vida de pretendido “dandy” atendido pola súa criada Adosinda e a súa gata Ilduara, foi a máis a “causa de la chifladura -di López Morais- que le entró de escribir poesías y leérselas a sus amigos”.

Son innumerables as referencias  que a prensa da época recolle en Pontevedra, Santiago, A Coruña ou Ferrol, ademais, loxicamente de Ourense, en notas apuradas e sempre  mordaces, irónicas ou burlescas, sobre a presenza de “Don Paco Roque”  -así o cualificaban- en calquera destas localidades.

A máis ferinte de todas escribiuna o xornalista Juan Niera Cancela na revista “Galicia humorística”  -cando o xuíz andaba xa polos 82 anos- onde, entre outras asnadas, di: “No me cansaré de repetir que Paco Roque, como poeta, como satírico, prosista, puerco, enamoradizo, cobarde y provocativo, es el primer tipo de la región, el eximio de los eximios, digno de que a su muerte se le erija una estatua de guano para descanso de las golondrinas”. A saber que lle faría!

Obxecto constante, polo tanto, de chanzas e bufonadas tamén pola xente, logo de ter publicado unha oda ó xeneral Martínez Campos pola súa defensa de Cuba, así como outra ó presidente Cánovas, en Ourense convencérono -con entrega de credencias e todo- de que tiña sido nomeado ministro de Fomento , polo que o 13 de febreiro de 1889 presentouse no Senado en Madrid e segundo “El Liberal”, dixo: “Hoy se ríen ustedes de mí, pronto me harán justicia. Soy Francisco Roque Rodríguez, hijo de Galicia, abogado de los tribunales de la Nación, caballero de Carlos III, Isabel La Católica y Beneficiencia y de otras cruces extranjeras. Soy íntimo amigo del general Cassola, he tenido diferentes lances de honor y he escrito varias obras. Hoy vengo llamado por Sagasta para reemplazar al conde de Xiquena en el Ministerio de Fomento”.

Dada a súa idade, non fixo falta forza pública -abondou cun uxier- para poñelo fóra do Senado.

De volta a Ourense foi recibido pola mocedade “en olor de multitud” e algúns prohomes da capital ofrecéronlle ó “novo ministro” unha cea de recepción no Liceo. Tiña 83 anos e aínda lle quedaban tres para pretender tomar posesión como gobernador provincial, ser nomeado conde de Celanova e morrer de “fiebre gástrica”.

As sentenzas en verso que lle deron fama e a fame como eximente do delicto de furto

Denantes de se lanzar polos vieiros da divulgación itinerante da súa hoxe perdida poesía, “el ínclito versificante” como o intitula o “Diario de Santiago”, “el atleta que aunque parece poeta, es tan sólo un alcornoque”, que diría “El correo gallego” ou “el célebre poetastro espantador de las musas” co que o adularía “El Chisme”, Paco Roque deu sobradas mostras da singular afección para a escritura rimada versificando algunhas sentencias nas que trataba de resumir as, por el consideradas, tres grandes dotes que o definían: “grandeza, hermosura y sabiduría”.

É lenda coñecida que, nunha ocasión, contemplándose nun espello exclamou: “¡Paco Roque! ¡Paco Roque! Tienes cuanto puede apetecer el más exigente mortal. Juventud, dinero, talento..., eres simpático y buen mozo, amén de poeta y juez municipal. Con todo, estás triste y sufres. ¿Por qué? ¿Qué te falta? ¿Dime, qué te falta?”. Entón a criada, que o escoitaba en silencio, saloucou: “Xuício, señor! Xuício!”.

Como coñecida é tamén aquela que Luz Santalices recolleu hai anos nunha revista local e que sitúa o suceso na Festa das Maias ou de San Torcuato, cando un coitado cheo de fame e de tristura foille botar a man a un pan solitario nunha mesa da taberna, polo que foi inculpado, detido e levado á fronte de Paco Roque, quen, despois de analizar o caso, ditaminou: “Considerendo que el hambre no tiene espera, y que la fiesta se hallaba en todo su esplendor, con sus hermosas mujeres que embelesan, la danza, la música, los danzantes, las meriendas en albos manteles, con su tremenda incitación, fallo que debo de absolver y absuelvo al inculpado por estimar las circunstancias eximentes de hurto famélico”.

Ou, aqueloutra que divulgou José de Cora e que di: “Resultando hecho probado/ que este rapaz ha entrado/ en el ajeno cercado/ para hurtar manzana y pera/ impulsado de hambre fiera/ o de apetito atrasado./ Considerando en conciencia/ que la gástrica impaciencia/ no admite ley ni razón/ según firmemente creo/ dicto esta resolución,/ absolviendo sin pena al reo.”

O caso é que o que, por humanidade, el dictou, non fixo máis que -a dicir dos peticionarios da rúa para Paco Roque- “anticiparse al famoso juez francés, de fama mundial, Sr. Magnau, e incluso a las imperantes y operantes teorías jurídico-penales  sobre las eximentes en la commisión de faltas o delitos, ya que a finales del pasado siglo mantuvo el principio -atrevidísimo- de que el hurto famélico constituía un eximente (...), dejando en el archivo del juzgado una muestra de como un juez municipal puso la huella de una teoría penal que, posteriormente, había de ser confirmada por los doctos en esta materia, incorporando en la atenuación de las penas, lo que había adelantado nuestro “Don Paco”.

Te puede interesar