A Tecnópole recibe o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino pola súa divulgación entre os xóvenes

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia premia o seu traballo por espertar vocacións

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino da “XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” ao Parque Tecnolóxico de Galicia –Tecnópole– pola súa aposta pola divulgación científica entre os máis novos, co fin de espertar vocacións e incentivar o seu espírito emprendedor.

Inaugurado en 1992 en San Cibrao das Viñas, en Ourense, Tecnópole desenvolve diversos proxectos e promove actividades como Galiciencia, STEAM Kids Tecnópole, as Aulas Tecnópole e o campamento tecnolóxico de verán T 2 W. Galiciencia é a maior feira científica que se celebra en Galicia desde 2006, co obxecto de achegar a ciencia á sociedade. Organízase un certame científico para estudantes de Primaria, Secundaria, Bacharelato, como punto de encontro para rapaces e rapazas detodas as idades  con ideas innovadoras e con ganas de mostralas ao público nos stands que a Tecnópole pon á súa disposición durante tres días no mes de maio.

Tamén para achegar a ciencia e a tecnoloxía á mocidade, pero desde unha óptica artística e creativa, Tecnópole ten o programa STEAM Kids Tecnópole para escolares de 8 e 11 anos. E nesta liña, tamén dispón das Aulas Tecnópole, pensadas para espertar vocacións científicas e incentivar o espírito emprendedor entre o alumnado de 12 a 18 anos. Nestas actividades, os participantes realizan investigacións, constrúen robots programables, voan drons e deseñan instalacións artísticas.

Te puede interesar