ENTREVISTA

María Teresa González Vázquez: "Co nome 'Agarimo aos avós' mostro o cariño que os maiores dan"

Tere González Vázquez, na casa do maior na Teixeira.
photo_camera Tere González Vázquez, na casa do maior na Teixeira.
María Teresa González Vázquez é unha sanitaria e responsable da casa do maior de A Teixeira, que abriu este martes por primeira vez

As ganas de poñer en marcha este proxecto non frearon a Tere González e este martes a primeira casa do maior abre as portas na Teixeira. Aínda que ela non é natural deste concello, si coñece o territorio e, vendo as necesidades do rural, onde moitos maiores están sós e ademais para moitas familias é complexo conciliar, animouse a abrir as portas de “Agarimo aos avós”, un centro de atención deseñado para atender a cinco residentes do municipio maiores de 60 anos que estará dispoñible para o seu uso desde as 9,00 ata as 16,00 horas, de luns a venres. O primeiro día, Teresa Vázquez abriu “Agarimo aos avós” cun só usuario e está á espera das valoracións dos demais demandantes.

Que a levou a vostede a comezar este proxecto?

Pois a miña idea de xestionar esta casa sae a través dunha coñecida que me preguntaba si coñecía de alguén para levar a cabo esta iniciativa. Nestes momentos, eu estaba no paro e pareceume interesante. Así que podo dicir que A Teixeira elixiume a min.

Por que Agarimo aos avós?

Para min agarimo é unha palabra ben fermosa que temos no galego e con ela mostramos cercanía e cariño aos nosos avós. Pode que como eu xa non teño ningún pois no nome estea a ‘añoranza’ que teño deles. Os avós debían de vivir sempre.

Leva varios meses traballando arreo e por fin se abren as portas.

Si, duros meses de traballo, pero chea de ilusión. Esta semana pasada, fixen unha xornada de portas abertas e tivo moi boa acollida e este martes iniciamos a aventura con dous usuarios. A capacidade é para un máximo de cinco e non deben ter a lei de dependencia.

Como será o día a día?

Pois poden estar un máximo de 8 horas, e ademais farei servizo de recollida e entrega nas súas vivendas ademais de facerlle eu aquí na casa o xantar. Despois faremos psicomotricidade, estimulación cognitiva, tamén haberá manualidades artísticas e, como non, dependendo deles, pero aproveitando que estamos en plena Ribeira Sacra, seguro que tamén haberá algunha que outra excursión pola zona.

Como ve este tipo de recursos nas zonas rurais?

Paréceme que é necesario, xa que no rural temos moita xente maior que bota demasiadas horas soa. Aquí teñen asegurada a compañía e un xantar completo ao día.

Para este tipo de proxectos, cre que as axudas son suficientes?

Están ben, pero podían ser máis xenerosas, xa que o prezo que temos para elaborar cada menú, contando a suba dos alimentos, faise moi xusto para ofrecer un xantar equilibrado. Nese mesmo eido dos gastos, ocorre o mesmo se falamos no transporte, en recoller a cada usuario nas súas casas, xa que o alto custo do gasóleo fainos ir ai límite. De todos os, pola miña parte teño claro que darlle a mellor acollida a cada usuario e que faga deste espazo a súa propia casa.

Este martes abriu as portas, como foi o primeiro día?

Coma o primeiro día de cole supoño, con nervios, coñecéndonos e facendo o período de adaptación como fixen co meu fillo cando empezou no colexio. Hoxe quixemos facer un día festivo e a comida foi especial.

 

Te puede interesar