Un almanaque que aposta pola investigación en galego

A Área de Normalización Lingüística da UVigo vén de publicar o almanaque para o ano 2020, que ten como fío conductor o traballo científico, entendido como un dos motores do avance da humanidade, posto que os froitos da investigación e a innovación serven para subir chanzos na evolución e na mellora da vida dos seres humanos e do planeta Terra en xeral. Baixo o lema "A investigación dá froitos", cada mes está asociado a unha froita: carambola, mangostán, chirimoia, lichi, maracuxá, papaia, pitaia, rambután, tomate de árbore, durián, caqui e milgranda. 


E xunto con estas doce froitas, aparecen tamén unha ducia de grupos de investigación da Universidade de Vigo, ubicados nos tres campus que a compoñen, comprometidos coa defensa e visibilización da lingua galega no eido científico. De feito, o ano que acaba de comezar é, para a institución académica, o ano da divulgación científica en galego, polo que dende a Área de Normalización Lingüística agardan que este calendario axude a unha dobre función. Por unha banda, dar a coñecer o traballo dunha pequena selección de grupos de I+D e, por outra, situar o idioma propio como vehículo para a comunicación científica. 
Por último, xunto a cada grupo e cada froita, o almanaque inclúe unha frase de científicos e pensadores da historia da humanidade, como Isaac Newton, Castelao, Ramón y Cajal ou Rosalind Franklin. O exemplar pódese obter en formato físico ou descargalo en formato dixital da páxina da Área de Normalización Lingüística da UVigo.

Te puede interesar