Universidad

Os alumnos protagonizan o almanaque da Área Lingüística

Unha ducia de estudantes aparecen na publicación, que se repartirá nos tres campus a partir desta semana

Coincidindo co inicio do ano, a Área de Normalización Lingüística da UVigo acaba de difundir o seu almanaque, que en cada edición se ocupa dunha temática relacionada co galego. Co fin de expoñer as vivencias dos galegofalantes no eido universitario, neste novo documento toman a palabra os estudantes e cada un dos doce meses de 2021 está protagonizado pola fotografía dun alumno ou alumna e a súa opinión arredor da realidade lingüística da Universidade de Vigo. 

A publicación do calendario busca "incrementar o uso da lingua galega e dotala de prestixio en todos os ámbitos", segundo se explica no propio almanaque. Nesta ocasión, optouse por visibilizar e poñer en valor o esforzo dun alumnado que, "vivindo en galego na súa cotiandade universitaria", pode servir de referente para toda a mocidade.  

Unha das protagonistas é a alumna do grao en Comercio Alexia Carlón, que asegura que se trata dun idioma que che serve "para relacionarte, mesmo internacionalmente". Pola súa banda, Ana Rodríguez, estudante de Enxeñaría Informática, recorda que na UVigo hai numerosas actividades para reforzar a lingua. Valeria Martínez, alumna de Belas Artes, lembra que "o peor galego é o que non se fala", animando á mocidade a empregar a súa lingua materna. Neste mesmo sentido afirma Sandra Pérez, de Educación Infantil, que "moitísimas veces, co galego, a barreira somos nós". 

A Área de Normalización Lingüística distribuirá a partir desta semana os 1000 exemplares editados deste almanaque. O reparto realizarase a través das conserxerías dos centros dos tres campus para todo o PAS e o PDI interesado. Ademais, tamén está dispoñible en formato pdf para a súa descarga ou impresión na web da ANL.

Te puede interesar