UNIVERSIDADE

Os alumnos de Publicidade piden apoio á cultura galega

Nas últimas semanas, sucédense nas redes sociais diferentes iniciativas de apoio ás e aos profesionais do sector cultural dentro da crise do coronavirus. Agora, son os alumnos do grao en Publicidade e Relacións Públicas os que lles brindan o seu apoio coa iniciativa "#ComparteCulturaGalega". "Trátase de apoiar a campaña para que as administracións manteñan as actividades culturais e apoien ao sector para impedir o seu desmantelamento por culpa da COVID-19", explica o decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Xosé Baamonde, e responsable, xunto con José Manuel López, de impartir a materia Teoría e Práctica das Relacións Públicas, na que se enmarca a iniciativa.

A actividade insírese na docencia non presencial e ten como obxectivo "que o alumnado mellore as súas competencias na xestión da comunicación" a través das redes sociais, á vez que pode servir de apoio ás iniciativas postas en marcha polos profesionais dun sector "que vai ser dos máis afectados pola crise".

Do mesmo xeito, tamén se busca con esta iniciativa "dar visibilidade á cultura galega", explica Baamonde. A resposta do alumnado está a ser "moi positiva", de tal xeito que "está dando a coñecer múltiples alternativas culturais" ao tempo que se está "demostrando que hai unha mocidade implicada no futuro da nosa lingua".

Te puede interesar