UNIVERSIDAD

Amigos da Terra anima a producir carne con menor dano ambiental

A facultade acolle tamén esta semana unha exposición da campaña "Menos carne, mellor carne"

Dentro da produción de alimentos, "a gandería industrial e, por tanto, o consumo de carne, é o sector que xera maiores impactos no medio ambiente e na nosa saúde", salienta a asociación ecoloxista Amigos da Terra na súa campaña "Menos carne, mellor carne", que foi abordada pola súa responsable de voluntariado, Patricia Iglesias, nun coloquio na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que acolleu tamén unha exposición de paneis informativos sobre esta campaña, dirixida, explica Iglesias, "a reflexionar sobre o que hai detrás da carne que comemos". Nestes paneis afondouse nos efectos da gandería industrial sobre a explotación de acuíferos, xa que “para producir un quilo de carne de vacúns necesitamos 15.000 litros de auga”; na destrución de emprego do medio rural, exemplificada en que en España “desapareceron 128.000 granxas familiares entre 1999 e 2013, un 71 por cento do total"; sobre a contaminación de auga e chan; e nos problemas para a saúde, posto que, recolle a campaña, “en España úsanse catro veces máis antibióticos que en Alemaña e dez veces máis que en Dinamarca para a produción dun quilo de carne”. 

“Normalmente cando pensamos en gandería, a xente soe ter unha imaxe bastante idílica, dun prado con vacas, que se distancia bastante da realidade, xa que na maioría dos casos, ao mellor estamos falando dun 90 por cento, falamos de granxas nas que están os animais apiñados e onde nunca ven a luz do sol”, salientou Iglesias nun coloquio que tiña por obxecto abordar, a partires dun caso concreto, o consumo responsable e que se enmarca nas actividades promovidas pola profesora Mercedes Varela, co apoio da facultade e da Vicerreitoría, no marco da materia Educación ambiental para o desenvolvemento.

Te puede interesar