UNIVERSIDAD

A aplicación xurídica das probas de ADN, nunha tese

20190108154538003_result
photo_camera María Victoria Álvarez Buján.

Álvarez Buján destaca a importancia de ter en conta o seu carácter indiciario e probabilístico

“Tratamos de ofrecer resposta a todos aqueles interrogantes que suscita a aplicación xurídico-práctica das probas de ADN e as bases de datos xenéticos”. Con este obxectivo María Victoria Álvarez Buján realizou na súa tese de doutoramento unha exhaustiva análise crítica desta proba que, apunta, “alberga un innegable interese, posto que a regulación existente ao respecto no noso ordenamento xurídico resulta incompleta e imprecisa en moitos puntos, o que expón diversos problemas de índole práctica”.

A tese, titulada Análise crítica sobre a proba de ADN: virtualidade científica e xurídica, foi presentada este ano na Facultade de Dereito do campus de Ourense baixo a dirección de Inés Celia Iglesias Canle e Víctor Moreno. “A idea de centrarnos no exame da proba de ADN xurdiu por mor da importancia que as análises xenéticas ostentan na actualidade tanto no ámbito estritamente científico como no xurídico-procesual”, comenta a xurista. 

A súa investigación, detalla, centrouse en tres eixes fundamentais, como son a investigación da paternidade/maternidade e os procesos civís especiais de filiación, “onde se admiten toda clase de probas incluídas as biolóxicas”; a investigación e o proceso penal, “onde se analiza a realización de probas de ADN e a inscrición e transmisión de identificadores xenéticos en bases de datos tanto a nivel estatal como internacional ou transnacional”, e a investigación biomédica, e máis en concreto “a realización de probas xenéticas con fins de predición, prevención, diagnóstico e tratamento de enfermidades”.

“Para desenvolver esta tese de doutoramento baseámonos principalmente na doutrina, lexislación e xurisprudencia española, examinando ademais a normativa europea de aplicación na materia e, máis en particular, no que respecta á obtención, rexistro e intercambio de perfís de ADN. Así mesmo abordamos o estudo dalgunhas resolucións do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, destacando especialmente a sentenza relativa ao asunto S. e Marper contra Reino Unido, un referente na temática que nos atinxe”, sinala María Victoria Álvarez Buján. 

Ao longo da súa tese, a xa doutora pola Universidade de Vigo aborda esta proba e as intervencións corporais que implica desde unha perspectiva científica e xurídica; analiza o marco constitucional e normativo ao respecto; aborda os requisitos para a toma de mostras biolóxicas indubitativas; afonda na eficacia e valoración probatoria das análises xenéticas e achégase ás singularidades da obtención, rexistro, uso e transmisión dos perfís de ADN nun contexto non só español senón tamén internacional.
María Victoria Álvarez pon o foco no seu estudo “nos problemas específicos que como consecuencia da súa propia configuración e complexidade técnico-científica suscita a realización de probas de ADN, os cales se atopan fundamentalmente ligados á eficacia e valoración deste tipo de probas no proceso”. Así, fai fincapé na “virtualidade das probas de ADN no proceso xudicial, tomando en consideración que o resultado das análises xenéticas debe cifrarse en termos indiciarios e probabilísticos”.


Valor relativo, non absoluto


“A proba de ADN, pese ao alto grao de fiabilidade que posúe, sempre que fose realizada correctamente, ostenta un valor relativo. Constitúe unha proba máis, que non debe ser sobrevalorada. En última instancia o resultado das probas de ADN representa un indicio que o único que demostrará será a presenza da persoa en cuestión (investigada) no lugar dos feitos ou que esta mantivo relación sexuais coa vítima ou estivo en contacto físico con ela”, comenta a investigadora referíndose aos casos penais. 

Así, indica Álvarez Buján, para “desvirtuar” a presunción de inocencia nestes casos será preciso que “o órgano xulgador poña tal indicio en relación co resto de probas e indicios que concorran na causa, valorando todo iso no seu conxunto”.

Te puede interesar