Arqueólogos da UVigo atopan restos romanos en Sobrado

Imaxe aérea do estado actual do xacemento, con boa parte do campamento xa descuberto.
photo_camera Imaxe aérea do estado actual do xacemento, con boa parte do campamento xa descuberto.
Un equipo do Campus fixo renacer o campamento baixo a vexetación tras dous meses de traballo

 Despois de dous meses de intervención arqueolóxica, o campamento romano da Ciadella, no concello coruñés de Sobrado, comeza a renacer baixo a vexetación. Desde o pasado 2 de marzo, un equipo de arqueoloxía e conservación-restauración da Universidade de Vigo desenvolve un proxecto que, impulsado pola Xunta de Galicia, pretende afondar no coñecemento deste asentamento militar construído no século II despois de Cristo. "Logo de dous meses de traballo, cun parón de tres semanas pola pandemia da covid-19, xa se aprecian os importantes avances dos traballos da fase de escavación", comenta Adolfo Fernández, director do proxecto e membro do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo.

As excavacións foron desenvolvidas polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía do campus de Ourense 

O proxecto, no que o Goberno galego inviste preto de 240.000 euros, é froito da consecución por parte do equipo da Universidade de Vigo do concurso de licitación do traballo promovido pola Consellaría de Cultura e Turismo e cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (80%), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. A iniciativa abrangue investigación, novas escavacións e tarefas de conservación-restauro cunha duración total de dez meses. Polo que respecta ás escavacións que se están desenvolvendo na actualidade, tiñan unha duración de tres meses, desde marzo ata maio, aínda que as novidades e o parón provocado pola Covid-19 van facer necesario prologalas ata mediados de xuño. Nelas participan doce persoas, técnicos e auxiliares de arqueoloxía, contando o proxecto coa participación dos membros do GEAAT e profesorado da Facultade de Historia do campus de Ourense Fermín Pérez, Susana Reboreda e Ladislao Castro.

O xacemento, lembra Adolfo Fernández, é moi complexo xa que presenta unha ocupación prolongada desde a construción inicial do campamento militar, probablemente xa a finais do século I despois de Cristo, coa posterior chegada e instalación da Cohors I Celtiberorum, ata o séculos XII-XIII, cunha importante ocupación tardoantiga que se estende por riba do forte militar romano asociado a unha primitiva igrexa alto medieval, que no século XII foi trasladada a poucos metros fóra do xacemento. Esta unidade militar mixta (de infantería e cabalería) dependía directamente da Lexio VII Gémina, establecida en León, sendo a súa función principal a de garantir as comunicacións entre Lucus Augusti (Lugo), unha das capitais romanas do Noroeste, e o porto de Brigantium (A Coruña), amais de controlar as explotacións mineiras da zona e dar soporte á administración para o cobro de impostos.

Te puede interesar