Formación

As aulas de teatro comezan a tempada con 50 participantes

Imaxe da sesión de benvida ao alumnado das aulas deste curso.
photo_camera Imaxe da sesión de benvida ao alumnado das aulas deste curso.
O Campus ten grupos de tres niveis de experiencia e unha cuarta compañía de teatro infantil

As Aulas de Teatro Universitario de Ourense están xa en marcha coa participación de arredor de 50 alumnos e alumnas nos seus catro grupos: Rosaura, Cordelia, Maricastaña e Geppetto. A formación, que se enmarca na programación de obradoiros do extensión universitaria do Campus de Ourense, corre a cargo un ano máis da compañía Sarabela Teatro, sendo Fernando Dacosta o seu director.

Desde a organización das aulas salientan a súa satisfacción xa que nesta edición "a pesar das circunstancias, haberá ao redor de 50 alumnos e alumnas entre os tres niveis da aula e a aula infantil". Igualmente destacan o feito de que este curso académico se cumpren 30 anos da posta en marcha desta iniciativa cultural e universitaria. Un curso académico máis as Aulas de Teatro Universitario de Ourense xa se forman nas instalacións universitarias empregando as pertinentes medidas de prevención fronte ao coronavirus. 

Aínda co prazo de inscrición aberto ata hoxe, día 16, os participantes formaranse ao longo do curso académico co aliciente de que, se as condicións da pandemia o permiten, actuarán nalgunha das principais mostras de teatro da cidade de Ourense ou incluso en diferentes puntos da xeografía estatal.

As aulas divídense en catro grupo. Así, Rosaura, aberta aos que se inician nas artes escénicas; Cordelia, destinada ás e aos que xa teñen algo de experiencia, e Maricastaña, para as e os máis avanzados. A estes tres niveis engádeselle a Aula de Teatro Infantil Geppetto. 

O primeiro nivel, Rosaura, terá como docentes a Flor Figueroa e Sabela Gago e a través de diferentes cursos os seus membros afondarán no corpo en movemento, traballando a expresión e a imaxe individual e colectiva, e no adestramento actoral, afondando no "corpo en acción, pasando do universo persoal ao traballo grupal, dos centros expresivos ao feito artístico, da propia linguaxe ao desenvolvemento dramático". O segundo nivel, Cordelia, terá como docentes a Sabela Gago e Fina Calleja, que afondarán no afianzamento das "ferramentas actorais necesarias para o achegamento ao escenario: control de enerxía, proxección vocal, presenza, precisión no movemento, conquista do espazo e relación co obxecto" e traballarán "ao redor da palabra e das posibilidades expresivas do corpo para debuxar novas xeografías no espazo". 

Maricastaña, o nivel tres, contará pola súa banda como docentes con Russo Nnandong, Sabela Gago e o propio Fernando Dacosta. O primeiro traballará co grupo a adaptación e o ritmo, buscando o seu equilibrio colectivo, e a segunda centrarase no movemento "para chegar a conseguir limpeza e rigorosidade na acción dramática". Por último, a Aula de Teatro Infantil Geppetto, traballará arredor da peza Pippi, con dramaturxia de Elena Seijo, directora deste grupo. Todos eles realizarán representacións dos seus traballos de cara ó longo do curso.

Te puede interesar