Universidade

Avanzando co galego na redacción dos traballos finais

Ao longo de 130 páxinas a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo achega na súa última publicación, "Na universidade avanza co galego. Guía para mellorar a redacción do TFG e do TFM", as claves a prol da mellora da calidade lingüística no galego académico para a redacción de traballos fin de grao e fin de mestrado. "Desde o respecto á elección lingüística de cada estudante, o libro ten como obxectivo preferente a promoción e o fomento do uso do idioma galego na redacción e na defensa oral dos traballos e está especificamente pensado para o alumnado que cursa o derradeiro ano do seu grao ou que está a realizar o mestrado", explica Fernando Ramallo, director da Área, sobre a publicación elaborada polas técnicas superiores María Cristina Rodríguez Ricart e Eva María Castro Figueiras. 

O libro articúlase en varios apartados: observacións lingüísticas, solucións a erros recorrentes, claves para mellorar os traballos, criterios lingüísticos adoptados pola UVigo, recursos e ferramentas informáticas, material didáctico da Área de Normalización Lingüística e anexos que resolven, a través de listaxes de termos, cuestións relacionadas coas abreviaturas, acento diacrítico, estranxeirismos, siglas, a táboa periódica dos elementos e termos abstractos e xenéricos e colectivos referidos á linguaxe inclusiva.

Te puede interesar