Unha campaña busca unificar as sinaturas científicas

O obxectivo é garantir a correcta identificación das publicacións da Universidade de Vigo

O uso de formas diferentes no nome persoal ou no nome da institución na sinatura das publicacións ten consecuencias non desexadas no proceso de comunicación científica como erros na atribución de autorías, inadecuada recuperación da información, perda de visibilidade do traballo de investigación dos autores e autoras e da súa institución e dificultade para analizar as publicacións científicas empregando indicadores bibliométricos. 

De feito, a Área de Servizos Bibliométricos da Biblioteca Universitaria ten detectado que o nome da Universidade de Vigo e dos seus centros de investigación aparece nas bases de datos bibliográficas de moitas formas diferentes, algo que se debe a que no momento de publicar, os autores e autoras empregan formas diferentes para indicar a súa filiación institucional. Doutra banda, os nomes persoais tamén aparecen nas bases de datos de formas diferentes e isto afecta á correcta indexación das publicacións científicas nas bases de datos, no cálculo de indicadores como o número total de citas, o índice h ou o impacto normalizado.

Para tratar de poñer unha solución e unificar criterios, a Biblioteca Universitaria e a Vicerreitoría de Investigación acaban de publicar o "Protocolo de normalización da filiación institucional e do nome persoal nas publicacións do persoal vinculado á Universidade de Vigo" que recolle unhas normas básicas para a redacción das sinaturas das publicacións científicas, tanto no nome persoal e no institucional. O seu obxectivo é garantir unha correcta identificación das publicacións nas fontes de información.

Para dalo a coñecer entre a comunidade científica da UVigo hoxe xoves arranca unha campaña informativa composta de varios vídeos divulgativos protagonizados por técnicas da Biblioteca Universitaria e persoal investigador.

Te puede interesar