Investigación

Os concellos galegos, cunha “excelente" saúde financeira

Concellos como o de Vigo -na imaxe Príncipe- é un dos que menos rebaixas fiscais aplicaron.
photo_camera Concellos como o de Vigo -na imaxe Príncipe- é un dos que menos rebaixas fiscais aplicaron.
Un estudo da UVigo valora a situación saneada das entidades locais malia a crise da covid

O Observatorio Municipal Galego, iniciativa da Rede Localis, fixo público este venres un novo documento de análise da situación económica e financeira dos municipios galegos. Nel, destacan a "excelente saúde financeira" dos concellos e deputacións galegas fronte á crise provocada pola covid e recomenda ampliar a suspensión das regras fiscais ata 2022.

Este estudo, coordinado polo profesor Alberto Vaquero, céntrase no estudo das medidas fiscais e orzamentarias que teñen tomado os concellos galegos de maior poboación e as deputacións provinciais en Galicia polas repercusións económicas e sociais da pandemia. Desde a Rede Localis destácase da análise realizada que tanto os concellos como as deputacións galegas contan cunha "excelente saúde financeira", o que lles permite "xogar un papel moi significativo ante a delicada situación económica e social provocada pola pandemia". As entidades locais, recalcan os seus expertos, "gozan de capacidade económica e financeira para afrontar gastos, e son a administración máis próxima ás necesidades básicas da cidadanía". 

Desde o Observatorio Municipal Galego recomendan que "as axudas fiscais, aínda que necesarias, deben ser conxunturais e complementadas con outras vías, como a redución dos trámites administrativos desde a óptica local". Así, o documento publicado este venres recolle que "as entidades locais teñen optado por medidas fiscais e non por axudas directas para facer fronte á crise económica e social, tanto no exercicio fiscal 2020 como neste inicio de 2021". 

Centrándose no comportamento dos concellos, o documento recolle que Ourense, Vigo e Pontevedra son os concellos que menos rebaixas fiscais aplicaron para combater os efectos económicos e sociais da pandemia, tanto en 2020 como en 2021. Pola contra, Ferrol, Santiago e A Coruña son os que máis apostaron pola vía das rebaixas fiscais. Finalmente, o documento da Rede Localis indica que os concellos que máis utilizaron ou teñen previsto aplicar axudas directas son os de Pontevedra, Santiago, Lugo e Ourense. 

Te puede interesar