unviersidad

A didáctica das artes para rachar cos estereotipos de xénero

expresión artística, corporal ou musical foron abordadas nos diferentes talleres

Achegar ao alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo unha serie de experiencias e recursos que desde as aulas permitan rachar cos estereotipos de xénero que, a día de hoxe, persisten no eido educativo foi o principal obxectivo das xornadas "Didáctica da expresión artística desde a perspectiva de xénero", que se desenvolveron na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. 

Organizadas polas investigadoras do grupo Gies 10 Myriam Alvariñas e Rut Martínez, co patrocinio da Unidade de Igualdade da Universidade, estas xornadas de formación en xénero buscaban trasladar ao alumnado unha serie de “patróns de actuacións docente e estratexias didácticas activas e participativas” nos ámbitos da expresión plástica, musical, corporal e da dramatización, co propósito de achegarlles “unha visión global da didáctica das artes desde a perspectiva de xénero”, explican as súas organizadoras. 

“A mirada que se presenta na escola sobre as mulleres e os homes e as súas relacións sociais en moitas ocasións é parcial e estereotipada, reproducindo a primacía do masculino sobre o feminino”, lembrou Martínez na apertura das xornadas, na que incidiu no valor das artes como un campo de coñecemento que permite “pensar criticamente sobre a construción das nosas identidades”. Articuladas en seis seminarios, impartidos por docentes das res universidades galegas e da Complutense de Madrid, estas xornadas buscaban nese senso pór de relevo que “en calquera tipo de ensinanza é fundamental que os contidos se aborden desde unha perspectiva de xénero, para facilitar que na escola se poidan ter recursos para conseguir unha sociedade máis igualitaria”, engadiu Alvariñas.

Te puede interesar