A Escola de Aeronáutica e Copasa deseñan un algoritmo para mellorar as vías férreas

O docente Higinio González lidera o proxecto.
photo_camera O docente Higinio González lidera o proxecto.
A colaboración entre as dúas entidades, indican desde o proxecto, busca “mellorar a eficiencia da inspección e mantemento de liñas de ferrocarril”

O Campus Auga e a empresa construtora Copasa desenvolven un proxecto de “mellora de operacións de inspección e mantemento da superestrutura de vías férreas”. A iniciativa, chamada “Railway Inspection and Information Model (RIIM)”, empregará sistemas ópticos de última xeración e algoritmos para o tratamento automático de información xeoespacial. 

Ata setembro de 2024 desenvolverase este proxecto, liderado polo grupo de investigación de Enxeñaría Física, con sede na Escola de Enxeñaría Aeronáutica de Ourense. Está financiado polas Liñas Estratéxicas do Ministerio de Ciencia e Innovación. O investigador principal da iniciativa é o profesor Higinio González e nel participan tamén os profesores e investigadores da UVigo, Humberto Michinel, José Ramón Salgueiro, Ángel Paredes, Daniele Tomassini, Iván Area, Ricardo Bendaña e Luis Miguel González.

“Esta é a primeira vez que levamos a cabo un proxecto con Copasa e estamos moi satisfeitos de poder abrir esta liña de colaboración. Valoramos moi positivamente este tipo de iniciativas nas que se pode transferir ao tecido produtivo a investigación que se realiza no campus de Ourense”, asegura a este respecto o investigador principal da iniciativa.

A colaboración entre as dúas entidades, indican desde o proxecto, busca “mellorar a eficiencia da inspección e mantemento de liñas de ferrocarril”. 

Un prototipo

O obxectivo do proxecto consiste en “contribuír á mellora das operacións de inspección e mantemento da superestrutura de vías férreas, concretamente as relacionadas coa detección de fisuras nas travesas, a detección do estado das suxeicións do carril e do estado do balastro”. A finalidade é obter un prototipo de sistema de inspección que contribúa a mellorar o mantemento preditivo dunha vía férrea mediante algoritmos avanzados para o tratamento de información procedente de sensores ópticos. Tamén se deseñará un sistema de inspección óptico, mecánico, eléctrico e lóxico que poida ser montado nun sistema tipo dresina para inspeccionar os elementos da vía. 

Te puede interesar