Universidad

Estudio "en profundidade" da poética dos Trastámara

O profesor Antonio Chas é o coordinador desta iniciativa con oito universidades implicadas.
photo_camera O profesor Antonio Chas é o coordinador desta iniciativa con oito universidades implicadas.
No proxecto investigador sobre os séculos XIV e XV participan oito universidades internacionais

Entre finais do século XIV e comezos do XV a poesía da escola galego-portuguesa comeza o seu declive e, en paralelo, comeza a emerxer a gran poesía cortesá en castelán. Deste período apenas hai testemuños poéticos e do interese por estudalo en profundidade nace o proxecto "A poesía de cancioneiro en tempos dos primeiros Trastámara casteláns: textos, contextos, ecos e relecturas". Trátase dunha iniciativa na que participan oito universidades europeas lideradas pola UVigo, co profesor Antonio Chas como investigador principal.

O proxecto, financiado polo Ministerio de Universidades, arrancou en 2019 e desenvolverase ata 2022, se ben recolle a testemuña dun estudo anterior que agora poderá seguir avanzando co obxectivo, como explica Chas, "de editar e analizar a poesía creada e difundida na época dos primeiros Trastámara de Castela, que coincide coa súa xestación e etapa mais primitiva". Aproximadamente, puntualiza, "estaríamos a falar da poesía creada no período comprendido entre o último cuarto do século XIV e o primeiro do XV, momento no que apenas contamos con testemuñas poéticas, de aí o interese dun estudo en profundidade". Neste período constátase a "extinción da escola galego-portuguesa e a emerxencia e eclosión da gran poesía cortesá en castelán, xa moito mellor estudada pola crítica, a partires da escola do Marqués de Santillana en adiante". 

Na investigación están implicadas, xunto coa Universidade de Vigo, as universidades de León e CEU, esta última a través da escola de Maxisterio adscrita á UVigo e cinco estranxeiras (Lisboa, Rennes2, Údine, Verona e Northumbria). 

Os primeiros Trastámara casteláns tiveron un papel crucial tanto para a xestación da poesía de cancionairo como para a súa considerable difusión posterior. De feito, tanto os reis como os nobres máis relevantes forman parte da nómina de poetas e todos, sen excepción, "aparecen constantemente aludidos nos textos, que nos ofrecen un amplo panorama social da época e que nos permiten coñecer moito mellor o contexto de creación no que xurde esta poesía". Neste proxecto os investigadores abordan tamén "a importante pegada, ate agora non contemplada, do mecenado feminino, coa importancia que tivo a raíña Catalina de Lancaster". 

O proxecto recolle a testemuña dun estudo anterior, e grazas á renovación da financiación da Axencia Estatal de Investigación amplíase ata 2022.

Te puede interesar