Universidade

A estudo a mobilidade de homes e mulleres no Neolítico

A investigadora do Geaat Berta Morell durante a recollida de mostras.
photo_camera A investigadora do Geaat Berta Morell durante a recollida de mostras.
A historiadora ourensá Berta Morell participa nunha investigación sobre a zona dos Cárpatos

A investigadora do Campus de Ourense Berta Morell participará no estudo da mobilidade das primeiras sociedades agrícolas e gandeiras da conca dos Cárpatos, un dos primeiros focos de expansión do Neolítico no centro de Europa, a partir da aplicación de técnicas de isótopos de estroncio e de radiocarbono en mostras de ósos de diversos asentamentos. A historiadora, membro do grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo e Alba Masclans, da Institución Milà i Fontanals do CSIC, acaban de por en marcha este mes de setembro a investigación. 

O proxecto, financiado pola fundación alemá Gerda Henkel Stiftung, conta coa colaboración de expertos internacionais. Está previsto que conte cunha duración dun ano e medio e coa súa participación, Berta Morell dalle continuidade ao seu traballo centrado nos patróns de mobilidade e as redes de intercambio de materiais primas das sociedades neolíticas do noreste peninsular e Europa central baseadas na análise de isotopos de estroncio e datación por radiocarbono.

Segundo explica a historiadora, o obxectivo é analizar os patróns de mobilidade das primeiras sociedades agrícolas do norte da conca dos Cárpatos, "que situamos entre o 5.500-4.900 data calibrada antes de Cristo". Unha das hipóteses que buscan probar é "se existiron patróns de mobilidade diferentes entre homes e mulleres e se podemos relacionar estes grupos con prácticas exogámicas de tipo patrilocal", explica. As diferenzas nos patróns de mobilidade entre homes e mulleres son interesantes de analizar, indica, xa que "permiten debuxar un pouco as diferenzas por razón de sexo e/ou xénero no pasado" e isto "axúdanos a entender un pouco máis como se organizaban estas comunidades a nivel social e que tipo de desigualdades poderían existir entre os membros dun mesmo grupo". Sobre as prácticas exogámicas apunta a que se refiren "a que quizáis, por norma social, eran as mulleres, polo feito de que poden parir, as que cambiaban de comunidade para emparellarse e ter fillos, e os homes, en cambio, pasaban toda a súa vida nun mesmo grupo".

Zona de gran interese

O interese do estudo está en que "a mobilidade foi un dos moitos factores que contribuíron á difusión e adopción das técnicas agrícolas e gandeiras". Así, recalca, este cambio é "moi importante porque pasamos de cazar e recolectar a ter un control sobre os recursos, feito que supuxo moitos cambios a nivel social e económico (sedentarización, crecemento demográfico, etc)". Sobre a elección do norte da chaira dos Cárpatos para o estudo, a investigadora indica que "é unha zona interesante, pois é a primeira zona en colonizarse polos grupos agricultores da chaira de Hungría, un dos primeiros focos de expansión do Neolítico no centro de Europa".

Te puede interesar