Universidad

O Green Campus convida a avistar paxaros a través das ventás

Universidad

Universidade

O Green Campus convida a avistar paxaros a través das ventás

Os autores da iniciativa anuncian que a través das redes sociais, iranse difundindo fichas de diferentes aves

“Darlle cor e canto a estes días de confinamento”. Este é o propósito de Canto paxariño, unha iniciativa impulsada polo programa Green Campus da Vicerreitoría, xunto coa Oficina de Medio Ambiente da Universidade (OMA), a través das redes sociais, ás que van incorporando imaxes e información dalgunhas das especies de aves máis comúns, co obxectivo tanto de animar á cidadanía a tratar de avistalas a través das ventás como de concienciar da importancia de preservar a biodiversidade. 

A iniciativa arrincou a pasada semana subindo á web da Universidade e ás redes sociais o texto de presentación deste proxecto, polo que cada semana se difundirán dúas ou tres imaxes de especies de paxaros “que sexan fáciles de ver e relativamente frecuentes”, como explica o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, xunto cun texto divulgativo sobre a especie, o seu hábitat e as ameazas ás que está exposta.

Nacida da iniciativa da bolseira da OMA no campus, Nerea Mallo, autora tamén dos textos das diferentes fichas, trátase dunha “pequena actividade, que, cando menos, achega un pouco de alegría”, sinala Souto, que explica que a idea desta proposta é espertar o interese pola natureza convidando á cidadanía a mirar polas ventás ou a saír aos seus balcóns e xardíns. “Aproveitar para aprender da natureza neste parón é un dos mellores agasallos que temos", destaca a presentación de Canto paxariño, unha iniciativa que busca tamén incentivar á cidadanía a, unha vez rematado o confinamento, “coller as botas de monte, saír a camiñar e observar con outros ollos ás donas das alturas”. Esta actividade arrincou a coa publicación da ficha do Pinzón vulbar (Fringilla coelebs), e continuou coa do Ferreiriño azul (Cyanistes caeruleus).