UNIVERSIDAD

Investigadores da UVigo fan visitas virtuais á pintura rupestre ourensá

O Penedo do Gato, en Monterrei, e o Penedo Gordo, en Vilardevós, son os dous enclaves do proxecto

Un equipo multidisciplinar da UVigo traballa na creación dunha contorna virtual para a interpretación patrimonial dos dous sitios con pintura rupestre esquemática da comarca de Monterrei, integrando ademais o estudo etnográfico dun deles. "O obxectivo é potenciar o coñecemento dos recursos patrimoniais do val do Támega e contribuír á súa valoración e conservación, constituíndo unha primeira experiencia na realización de visitas virtuais a dúas das manifestacións de pintura rupestre coñecidas na provincia", explican os organizadores da iniciativa.

O proxecto é un dos beneficiariao da convocatoria de axudas a grupos de investigación do Campus de Ourense INOU 2020, financiada pola UVigo e a Deputación de Ourense. O proxecto articúlase en dúas liñas de traballo. A primeira, liderada por Beatriz Comendador, profesora da Facultade de Historia, consiste na creación da contorna virtual e nela participan tamén Andrea Mouriño e Elena de Uña. A segunda, liderada por Fátima Braña, profesora da Área de Antropoloxía Social e Cultural, consiste no estudo etnográfico do sitio con arte rupestre de Penedo Gordo e no deseño de ferramentas de avaliación dos recursos interpretativos, participando tamén os docentes David Casado e María Dapía.
"PRE-Media céntrase nos sitios con pintura rupestre esquemática da comarca de Monterrei: o Penedo do Gato, en Monterrei (no marco do conxunto arqueolóxico e natural de A Ceada das Chás/Castelo de Lobarzán), e o Penedo Gordo, en Vilardevós", apuntan os investigadores. A creación da contorna virtual está na súa fase final, estando actualmente en fase de probas. "O obxectivo é permitir ao público visitar de xeito virtual os dous enclaves", din os expertos. 

Te puede interesar