Investigación

Investigadores piden apoio á labor científica en galego

Anxo Mena, Marisa Castro, Manuel Ángel Pombal e Fernando Ramallo.
photo_camera Anxo Mena, Marisa Castro, Manuel Ángel Pombal e Fernando Ramallo.
Unha serie de divulgadores lamentaron que se faga por "voluntarismo" e penalice a carreira

En Galicia faise pouca divulgación científica e da pouca que se fai só unha pequena parte se realiza no idioma propio, o galego. Esta é a realidade que se está a pór sobre a mesa nunha serie de mesas redondas celebradas esta semana nos campus de Vigo e Pontevedra baixo o título !En galego! Investigación e divulgación científica". A que se debe esta realidade? Como podemos cambiala?

Estas foron as preguntas ás que trataron de dar resposta catro investigadores da Universidade de Vigo de perfís distintos, con idades e intereses distintos, pero coa vocación común de facer divulgación científica e de facela en galego. Os catro fano por puro voluntarismo e a costa, nalgúns casos, de ver penalizada a súa propia carreira investigadora.

Participaron nesta mesa de debate, celebrada este mediodía na sala de xuntas do edificio Ernestina Otero, a directora do Laboratorio de Micoloxía, Marisa Castro; o responsable do grupo de investigación de Neurobioloxía de Lampreas Neurolam, Manuel Ángel Pombal; o investigador do Centro de Investigación Mariña, Anxo Mena, e o director da Área de Normalización Lingüística, Fernando Ramallo, experto en Sociolingüística, que exerceu como moderador.

Desde o seu punto de vista, pór en valor a divulgación científica sería suficiente para que se multiplicara o que se fai e, respecto a cales serían os mellores camiños para conseguir aumentar esta valoración, téñeno claro: recompensar ás persoas que xa están a facer esta labor ou que están dispostas a facelo ou, cando menos, non penalizalas.

Isto afecta sobre todo aos investigadores máis novos, que ven como todas as horas que invisten en facer divulgación son horas que restan a outro tipo de labores, que son os que se teñen en conta, tanto a nivel autonómico como nacional, á hora de competir con outros candidatos para estabilizarse na carreira investigadora e que se refiren, sobre todo, aos artigos publicados en inglés en revistas internacionais, segundo explicaron os participantes nestas mesas redondas.

Te puede interesar