talento ourensán

"As matemáticas sempre foron un xogo de lóxica"

Xabier García Martínez, investigador e docente da UVigo.
photo_camera Xabier García Martínez, investigador e docente da UVigo.

O ourensán Xabier García Martínez, profesor da UVigo, é recoñecido cos Premios de Investigación Matemática Vicent Caselles. Os galardóns, da Real Sociedad Matemática Española, impulsan o talento dos novos investigadores

Xabier García Martínez (Ourense, 1990), pertence á primeira promoción do grao en Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela. Un título cun ascenso meteórico nos últimos anos: de "patiño feo" a esixir máis de 11 puntos sobre 14 para entrar na carreira. "Creo que se lle deu unha publicidade ás matemáticas que antes non tiñan", anota este profesor da UVigo. Acaba de ser galardoado pola Real Sociedad Matemática Española cos Premios de Investigación Matemática Vicent Caselles. O obxectivo deste recoñecemento é apoiar aos novos profesionais da investigación matemática cando máis o necesitan: nos seus inicios.

Xabier García traballa no Departamento de Matemáticas da UVigo e imparte clases nas escolas de Aeronáutica e Informática de Ourense e na facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra. Ten realizado estadías en universidades de China, Bélxica e Sudáfrica. Conversar con matemáticos de calquera parte do mundo é outra das súas paixóns.


Ciencias exactas e creativas


Estes premios valoran a orixinalidade na investigación das matemáticas. As ciencias exactas tamén son creativas. "Para min as matemáticas sempre foron un xogo de lóxica, dende pequeno, polo que a creatividade sempre foi básica", explica. O xurado destes premios recoñece as súas "achegas relevantes" no estudo de estruturas alxebraicas. Tamén se premia a investigadores cuxo traballo de doutoramento sexa "pioneiro e influente" a nivel internacional. No caso de Xabier García, doutorouse en 2017 cunha tese sobre métodos categórico-alxébricos dirixida por Manuel Ladra, catedrático da USC, e Tim Van der Linden, da Université Catholique de Louvain. "A investigación sempre me gustou dende un punto de vista máis abstracto. E dentro dela, a álxebra. Manuel Ladra apostou por min en todo momento, foi guía espiritual e matemática", agradece ao profesor.


As habilidades


Sobre os recursos para o labor investigador, di que "a matemática pura non é famosa por ter moitos fondos".

As matemáticas están en todo? "As empresas están contratando matemáticos polas súas habilidaes, non polos seus coñecementos", relata este ourensán. Este é o primeiro premio da súa carreira matemática. 

Te puede interesar