Universidad

Música e unha exposición para lembrar á Xeración Nós

Universidad

Cultura

Música e unha exposición para lembrar á Xeración Nós

Parte da exposición que acolle a Facultade de Educación sobre a Xeración Nós.
photo_camera Parte da exposición que acolle a Facultade de Educación sobre a Xeración Nós.
A Facultade de Educación celebrará o centenario do grupo de intelectuais ó longo desta semana

Culturalmente, 2020 é en Galicia, entre outras cousas, o ano da celebración do centenario da Xeración Nós. A pandemia provocada polo coronavirus interrompeu de cheo a programación prevista para homenaxear a este colectivo de escritores e intelectuais referentes na cultura e a lingua galegas. Co obxectivo de, a pesar das dificultades, non rematar o ano sen unirse a esta efeméride, a Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense acolle unha exposición e celebrará este venres, día 30, un concerto do dúo musical italo-galego "2naFronteira", formado por Carmen Penim como voz e Maurizio Polsinelli ao piano.

Segundo explica Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, "neste momento tan complicado tamén para o mundo da cultura parecíanos que non debía pasar desapercibido o centenario da Xeración Nós". Así, subliña, "unha facultade coma a nosa, onde formamos futuros educadores e educadoras, debe ter sempre a tradición e o patrimonio cultural galego no horizonte", lembrando como este compromiso se materializa en iniciativas como "a aposta polos graos en galego". Deste xeito, "non quixemos pasar de largo este centenario, a pesar das dificultades provocadas pola covid-19, porque parecíanos que era algo importante na formación dos nosos estudantes", apunta o responsable académico.

O acto central será o concerto de 2nafronteira, ó que poderán asistir un máximo de 40 persoas

O acto principal desta homenaxe, que conta coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense, consistirá nunha actuación musical de "2naFronteira" que leva por título Arredor de nós. Concerto polo centenario da Xeración Nós, que terá lugar o venres 30 de outubro, ás 19.00 h na sala Emilia Pardo Bazán, no soto do Edificio de Ferro. No concerto, Carmen Penim e Maurizio Polsinelli ofrecerán un repertorio de cancións con poemas da revista Nós e tamén poemas de Carvalho Calero. Un máximo de 40 persoas poderá, previo convite, asistir presencialmente á actuación que terá lugar no Campus de Ourense, que será igualmente retransmitida en aberto por internet.

Complementando este concerto, o edificio de Ferro acolle durante toda a semana unha mostra realizada por "2naFronteira" sobre a Xeración Nós co obxectivo de "achegar a revista á xente máis nova". Formada por diferentes paneis, na mostra as persoas interesadas poden coñecer a historia deste colectivo, a súa filosofía e ós seus fundadores, concretamente a Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo, Losada Diéguez e López Cuevillas.