Investigación

Nace a Rede Galega pola Investigación para dignificala

Dignificar a carreira investigadora, incrementar o investimento en I+D+i, cambiar o modelo de xestión dese investimento, crear un Pacto Galego pola Investigación e a posta en valor de todos os sectores da investigación en Galicia. Estas son algunhas das principais demandas da recentemente creada Rede Galega pola Investigación, InvestiGal, que aspira a dar acubillo a todas aquelas persoas implicadas no sistema público de investigación galego, con independencia da escala laboral na que se atopen, para tratar de resolver os "problemas transversais" de todo o sector.

A rede naceu oficialmente o pasado 29 de febreiro como resultado dunha serie de xuntanzas e mobilizacións que tiveron lugar nos campus das tres universidades galegas. Dende entón, conta xa cun cento de persoas asociadas, arredor de 35 da UVigo, e agardan que o crecemento sexa exponencial a medida que se dea a coñecer e comecen a realizar actividades. Entre os seus obxectivos está o de facer chegar as súas propostas a actores políticos de cara ás vindeiras eleccións autonómicas. Realizarase tamén unha rolda de xuntanzas coas persoas responsables das áreas de investigación e organización académica das universidades e co resto do tecido da ciencia galega, como OPIs, fundacións ou hospitais "para facerlles chegar a nosa problemática e a nosa problemática e a nosa visión", explican.

A principal demanda resúmese na dignificación da carreira investigadora, "con medidas que permitan obter recoñecemento, estabilidade, homoxeneidade de condicións laborais, regularidade nas convocatorias e opcións á continuidade". Outra das principais patas da rede á a demanda dun incremento do investimento en investigación en Galicia. Neste sentido, lembran que dende o 2008, "coa confluencia da crise económica e o cambio de goberno na comunidade, a investigación galega perdeu investimento e capacidade de xestión dos recursos". 

A rede naceu dunha masa crítica do tecido investigador con interese en abordar problemas transversais da ciencia en Galicia. Aínda que o perfil predominante é o de persoas que se atopan nas etapas iniciais da súa carreira investigadora, a asociación é totalmente transversal.

Te puede interesar