Os novatos coñecen o Campus de Ourense

A UVigo celebrou unha xornada de benvida en Ourense para dar a coñecer os seus servizos e dar por iniciado o curso académico para os case 5.000 alumnos que acolle este ano, mil deles, novatos

O curso académico 2022/23 xa está en marcha para os case 5.000 alumnos que estudan este ano no Campus de Ourense da UVigo, e púxose onte en marcha coa xornada de portas abertas que a universidade celebrou no pavillón universitario para dar a coñecer todos os servizos que oferta: dende deportes, pasando por idiomas ou programas de intercambio internacional ata equipos multidisciplinares formados por alumnos.

Na inauguración estiveron presentes a vicerreitora do Campus de Ourense, Elena Rivo, e a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, quen amosou a súa satisfacción de volver á “normalidade” despois de dous anos sen poder celebrar esta xornada de benvida, que xa se celebrara en 2019. “En paralelo ás xornadas que se fan en cada centro ou en cada título, onde se lle conta ao alumnado a parte máis académica”, estas xornadas, dixo a vicerreitora, buscan que o estudantado “desde o primeiro día coñezan todo o que lles ofrece a universidade para que logo eles, pouco a pouco, con esa información, poidan decantarse polos temas que máis lles conveñen ou lles interesen”. Caparrini indicou que o servizo máis demandado é o do Centro de Linguas e o do intercambio internacional. Pola súa banda, Elena Rivo destacou que “é un día moi importante para nós” e que esta actividade é util porque “no primeiro día, o alumnado pode coñecer todos os nosos servizos”.

"Hoxe custoume durmir"

Para Daniel Moreiro onte era o seu primeiro día. Vai estudar Educación Primaria e explica que esta iniciativa “está moi ben para todos os que andamos un pouco perdidos”. Ademais, recoñece que “hoxe custoume durmir, a verdade”. Tamén era o primeiro día universitario para Iván Prieto, Iván Abad e Daniel Lorenzo. Os tres estudarán o dobre grao de Dereito e ADE, aínda que por diferentes motivos; se ben Abad tiña claro que quería ter “2 carreiras en 5 anos”, Prieto e Lorenzo optaron por esta vía ao ver que lles “sobraba” nota na ABAU. A diferencia de Moreiro, eles aseguran que durmiron “perfectamente, non estamos nerviosos”.

Elena Mayán é estudante de primeiro de Ciencias Ambientais, carreira pola que optou “por unha materia que cursei no instituto”. Vén dende Noia (A Coruña) e indica que decidiu achegarse á xornada de portas abertas para “coñecer un pouco os servizos da universidade” e confesou estar “un pouco nerviosa, pero todo baixo control”.

Dende o stand da Centro de Linguas e Relacións Internacionais, Saray Rodríguez explica que as preguntas máis frecuentes son “os requisitos que teñen que cumprir para facer unha mobilidade internacional”. Ademais do alumnado de novo ingreso, Rodríguez sorprendeuse da grande afluencia de estudantes de último ano, tamén interesados na mobilidade internacional.

Ese é o caso de Ainhoa Iglesias e Uxía Menor, que estudan 4º de ADE  e explican que “como nós non tivemos esta oportunidade, nunca é tarde para informarse, porque, aínda estando en último curso, hai moitas cousas que se che escapan e que é moi útil coñecer”.

 

Gran acollida ás novas carreiras de Relacións Internacionais e IA

A UVigo estrea este ano dúas novas titulacións de grao: Relacións Internacionais e Intelixencia Artificial. No caso do segundo, pechou nun 8,85 e ten unha taxa de ocupación do 106% (convócanse máis alumnos ca prazas hai dispoñibles para que, no caso de que os inscritos cambién de idea, non quede a praza libre). O director do centro no que se imparte, Francisco Javier Rodríguez, destacou o 30% de mulleres matriculadas, superior á media do 17% que se manexa en Informática. Pola súa banda, Elena Rivo resaltou que “é un título moi demandado que pedían as empresas”.

No caso de Relacións Internacionais, a note de corte quedou nun 10,02 e ten unha taxa de ocupación do 132%. Laura Carballo, responsable do centro, destacou que “o alumnado é excelente, trátase de xente intelixente, participativa e moi interesada. Estamos moi contentos”. Sobre esta titulación, a vicerreitora destacou que “é unha carreira de futuro moi axeitada para o momento actual”.

 

Elena Rivo espera unha “evolución positiva” dos seis graos sen pechar

Se ben é certo  que tres de cada catro carreiras completaron a súa matrícula, os graos de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Ciencias Ambientais, Enxeñaría Agraria, Turismo e o dobre grao de Turismo e Xeografía e Historia todavía teñen prazas libres. Sobre isto, Elena Rivo asegurou estar “confiada” e que “co traballo conxunto de decanatos e vicerreitorías, a evolución será positiva” no eido da matrícula. Trátase, dixo, de “graos estratéxicos” e nos que a Universidade de Vigo está incluída entre as mellores do mundo no ránking de Shanghai por materias.

Explica a vicerreitora do Campus que estas materias están sufrindo “as consecuencias da pandemia” no caso de Turismo ou “falta de visibilidade”, máis en referencia ás carreiras de ámbito científico que non completaron as súas prazas. Ademais, anunciou que, para loitar con esa falta de publicidade dalgúns graos, “desenvolveremos máis traballos por toda a provincia”.

Te puede interesar