Universidad

Premio a un ensaio sobre o cinema e a crise do suxeito

Universidad

Universidade

Premio a un ensaio sobre o cinema e a crise do suxeito

"Os que escribimos de cinema non estamos acostumados a recibir premios. Máis ben escribimos sobre as obras daqueles que reciben premios", salienta o crítico cinematográfico e profesor asociado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación José Manuel López, que esta semana se proclamaba gañador dos IV Premios María Luz Morales na categoría de mellor ensaio sobre audiovisual internacional. "É un premio importantísimo para min", engade López, que o acadou grazas a un ensaio que parte da análise do filme Shame (2011), do cineasta británico Steve McQueen, para propor, a través da figura do seu protagonista, unha reflexión sobre "a crise do suxeito contemporáneo". 

Impulsados pola Academia Galega do Audiovisual en colaboración coas catro deputacións galegas, o xurado destes premios destacou do traballo de López, "Lixar a túa alma: Shame", a análise "detallada dos recursos fílmicos para reflexar a insatisfacción o suxeito contemporáneo e o influxo deste baleiro na sexualidade, desde perspectivas de xénero e identidade". O texto gañador dun premio dotado con 1.200 euros forma parte da investigación que desenvolve para a súa tese de doutoramento, que realiza na Universidade de Santiago de Compostela baixo a dirección do catedrático José Luis Castro de Paz.

Más en Universidad