Tres profesoras do Campus, premio á igualdade da UVigo

Nieves Lorenzo, Alma Gómez e Julia Carballo, no Campus, minutos antes da entrega virtual.
photo_camera Nieves Lorenzo, Alma Gómez e Julia Carballo, no Campus, minutos antes da entrega virtual.
Son as creadoras, no 2017, da feira científica e de divulgación "Exxperimenta en Feminino" 

A UVigo recoñece na resaca do 8M a tres docentes e investigadoras ourensás. As profesoras Alma Gómez, Julia Carballo e Nieves Lorenzo foron galardonadas co IX Premio Uviguala da UVigo. Baixo o nome de "Exxperimenta en Feminino", no ano 2017 crearon unha iniciativa na que cada curso arredor 120 profesoras e investigadoras da Facultade de Ciencias, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus se alían para organizar diferentes actividades. Unha feira divulgativa, de visibilización da muller na ciencia e de fomento das vocacións STEM foron algúns dos proxectos. A UVigo subliña como motivos do premio "o compromiso coa igualdade e a súa capacidade de implicación e mobilización".

A entrega do premio foi virtual, retransmitida pola UVigo TV. "Este recoñecemento é extendible a todas as mulleres do campus de Ourense que participan en Exxperimenta en Feminino", dixeron as investigadoras. No seu discurso, as profesoras Alma Gómez, da Escola Superior de Enxeñaría Informática; Julia Carballo, da Facultade de Ciencias, e Nieves Lorenzo, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, destacaron a súa satisfacción por este  recoñecemento recalcando como "Exxperimenta en Feminino non somos só nós. Son as alumnas, as investigadoras e as profesoras da Facultade de Ciencias, da Escola de Enxeñaría Aeroespacial e do Espazo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus que, co seu traballo, fan posible esta iniciativa". 

A este grupo inicial uníronse, a partir da segunda edición, as profesoras e alumnas da Escola Universitaria de Enfermaría. Nos seus agradecementos tamén houbo espazo para os centros implicados, a Vicerreitoría do Campus, a Unidade de Igualdade e Fecyt, que financian parte das súas accións.

Resultados do proxecto

O traballo "coral e asembleario" de Exxperimenta en Feminino, lembraron as protagonistas, ten permitido a consecución de diversos obxectivos. Destacaron a celebración da súa feira científica. Na súa última edición participaron 14 grupos de investigación de diferentes disciplinas do Campus  e máis de 120 profesoras, investigadoras e alumnas universitarias, asistindo ás tres edicións celebradas da feira ata o momento "un total de máis de 900 estudantes de Secundaria e Bacharelato da provincia". Nestes eventos, indicaron "fíxose visible e difundiuse o labor científico levado a cabo polas profesoras do ámbito STEM do campus de Ourense"; as rapazas asistentes puideron coñecer referentes femininos neste eido e os rapaces ver normalizado o feito de que as mulleres lideren actividades científicas. Desta actividade, as súas coordinadoras recalcaron como as persoas implicadas "colaboramos baixo a premisa de todas a unha" e con "espírito de camaradería e orgullo do traballo ben feito entre todas".

Visibilización

Outra das accións destacadas de Exxperimenta en Feminino polas profesoras galardoadas foi a realización dunha exposición na que se visibilizan 14 mulleres "científicas relevantes, nalgúns casos esquecidas ou deixadas de lado". A mostra itinerante está percorrendo os centros educativos e atendendo ao novo contexto provocado pola pandemia, as galardoadas lembraron ademais como desta mostra se fixo un "xemelgo virtual" que permite coñecer ás científicas elixidas en vídeos nos que participan tamén investigadoras da UVigo. 

As investigadoras, “exemplo de implicación a prol da igualdade"

Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación, foi a encargada de explicar os méritos que a Comisión de Igualdade valorou á hora de conceder o premio. "Este programa, que xa vai pola súa cuarta edición, desenvólvese no Campus de Ourense, arredor da celebración do 11 de febreiro, o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, e ten un grande impacto entre a mocidade dos institutos e do centros escolares da provincia", explicou. Valderrama destacou do programa que "é  exemplo da implicación activa das nosas docentes e investigadoras a prol da igualdade de xénero na UVigo" e "combate o efecto Matilda na ciencia na nosa comunidade universitaria e na nosa sociedade, facendo fincapé na visibilización das mulleres científicas e tecnólogas para que actúen como referentes para as rapazas e rapaces".

Manuel Reigosa, reitor da UVigo, salientou como a concesión por unanimidade deste premio a Exxperimenta en Feminino é "moi acaída", destacando como "é difícil atopar un merecemento maior para un premio de igualdade". 

Te puede interesar