Universidad

Un proxecto de investigación aborda a tradición oleira lusa

Universidad

Un proxecto de investigación aborda a tradición oleira lusa

A investigadora Cátia Cardoso lidera o proxecto.
photo_camera A investigadora Cátia Cardoso lidera o proxecto.
O estudo afondará na ligazón entre esta produción e o traballo do barro coa identidade do país 

Estudar e valorar a arte oleira portuguesa dende un enfoque identitario é o obxectivo da investigadora lusa Cátia Cardoso, membro do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo. A través dunha viaxe polo Portugal continental "en busca dos tesouros da súa olaría", a autora conta para o desenvolvemente da súa proposta cos seus codirectores de doutoramento, a profesora da Facultade de Historia do Campus de Ourense Beatriz Comendador e o profesor do Porto Sérgio Veludo. 

Cardoso, alumna do Programa de Doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural da Universidade de Vigo e das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña, quere agora documentar, analizar e entender a tradición oleira de Portugal, un país que "sempre tivo ao longo do tempo unha forte tradición ligada  ao emprego do barro e á produción de distintas pezas (figuras, louza utilitaria e máis actualmente olaría e cerámica contemporánea)". Estes aspectos, e sobre todo a incorporación de novas técnicas e formas, engade, "elevan este traballo artesanal á categoría de arte e indican a súa revalorización con respecto a períodos anteriores". Neste contexto, o seu proxecto "ten como foco de investigación e como panel de previsión de resultados a valorización da arte oleira en canto patrimonio diversificado e transversal, un medio de transmisión de saberes, un vehículo de aspectos culturais e de costumes materiais e inmateriais". 

Segundo explica a investigadora, "de norte a sur son moitos os locais e centros onde a presenza desta práctica se transformou nun medio de subsistencia e cuxas familias aínda hoxe teñen o coidado de manter e perpetuar procesos tradicionais, resistindo á era da mecanización, industrialización e tecnoloxía actual". Para executalo, entres as tarefas a desenvolver está a de compoñer "un necesario estado da arte sobre a propia produción académica relativa a estas cuestións", empregando para iso a bibliografía especifica neste eido. 

O proxecto, engade a súa responsable, tamén xorde "como un medio de demostrar e rexistrar a perpetuación dos costumes e documentación dos modos de facer e dos modos de usar". Alén da abordaxe documental e bibliográfica para o debuxo do estado da arte da olaría en Portugal, o proxecto inclúe unha viaxe por numerosas localidades lusas para a recollida de "materiais fundamentais para a investigación". O percorrido, cuxas datas de celebración dependen da evolución da situación sanitaria provocada pola covid-19, terá unha duración de 23 días e levará á investigadora a percorrer "os tesouros da olaría portuguesa". O itinerario e os propios avances do proxecto poderán seguirse a través dos espazos do proxecto nas redes sociais.

Más en Universidad