Publicada a primeira historia da prensa lusa en Estados Unidos

Trátase de "News on the American Dream", de Alberto Pena, editado pola Universidade de Massachusetts

As estadías que, ao longo dos últimos anos, o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Alberto Pena realizou en universidades como Harvard, Brown, ou Massachusetts Dartmouth, permitíronlle constatar como, desde finais do século XIX, a inmigración portuguesa nos Estados Unidos promoveu a fundación de polo menos 167 publicacións impresas de diferentes periodicidades e formatos, tanto xornais, como semanarios ou magazines. 

Os resultados destes anos de pescuda en múltiples arquivos reúnense agora en "News on the American Dream. A History of the Portuguese Press in United States", o primeiro libro que traza un percorrido pola historia da prensa "feita por portugueses, para portugueses e en portugués" nos Estados Unidos.

O libro constrúe "un mapa de todos os xornais que foi fundando" ata en dez estados diferentes a numerosa comunidade portuguesa existente neste país, explica Pena, que hai uns días era nomeado director da nova sección de Historia da Comunicación Social, da Asociación Española de Investigación en Comunicación. "Para min, humildemente, é un fito", recoñece o investigador do campus pontevedrés do feito de que os resultados dun traballo "desenvolvido ao longo de varios anos vexa a luz coa editora dunha das universidades públicas de referencia nos Estados Unidos". 

"Moitos dos medios impresos que formaron parte da historia da emigración portuguesa nos Estados Unidos, están desaparecidos", recoñece Pena, que, ademais de construír un percorrido histórico desde as primeiras publicacións ás cinco cabeceiras que continúan publicándose hoxe en día, recolle no libro un "repositorio" con información das 167 cabeceiras atopadas. A día de hoxe continúan existindo cinco cabeceiras impresas en portugués nos Estados Unidos.

Te puede interesar