Publican unha guía de boas prácticas sobre arte rupestre

2015021613131166846
photo_camera Edificio de Ferro, onde se ubica a Facultade de Historia.
A iniciativa, dirixida ao público escolar, parte do grupo de Innovación en Educación Patrimonial
 

Na actualidade existe información sobre sitios con arte rupestre que se poden visitar en Galicia pero hai unha carencia de información sobre como visitalos axeitadamente. Tendo en conta esta situación, o Grupo de Innovación Docente en Educación Patrimonial da Universidade de Vigo vén de realizar e publicar a "Guía de boas prácticas na visita aos sitios con arte rupestre".

O caderno pretende ser unha breve guía de boas prácticas para a visita aos enclaves con arte rupestre, sexan estes gravados ou pintados, tendo en conta que "non son frecuentes os materiais educativos orientados a traballar previamente as visitas ou que ofrecen actividades á volta das mesmas". Segundo sinalan os seus promotores, o documento está orientado aos nenos e nenas pero tamén aos adultos, e de xeito especial ao alumnado de Educación Infantil e Primaria e docentes en xeral. Por iso, a guía conta con dous niveis de lectura, unha para mestres e outro para rapaces.
A edición científica, autoría de textos e maquetación da guía corre a cargo da coordinadora do grupo e profesora da Facultade de Historia do campus de Ourense,

Beatriz Comendador, con debuxos de Víctor Váquez e revisión de Isabel Mociño, Begoña Garrido, Andrea Mouriño, Rosa Brañas e Adrián Estévez. A iniciativa enmárcase na liña de traballo dun grupo de innovación docente que xurdiu "da necesidade de establecer unha estrutura de traballo estable de profesorado universitario que ten como finalidade desenvolver accións dirixidas á formación, innovación e renovación do modelo educativo en relación coa educación patrimonial". A guía, sinalan, xorde tamén ao abeiro da Rede Galega de Patrimonio, da que forma parte este grupo da Universidade de Vigo.

Cun carácter moi visual e didáctico, a guía propón "coñecer sitios con arte rupestre acompañados da nosa paparroiba Tchac-Tchac". A elección desta personaxe xurdiu coa idea de "traballar a unión entre o patrimonio cultural indisociado do patrimonio natural, pois en xeral a maior parte do patrimonio rupestre está no monte" e de reflectir "a fraxilidade deste patrimonio". Ao longo das súas páxinas, o caderno permite aprender como ver mellor os gravados e pinturas rupestres, describindo ademais materiais existentes que poden axudar nesta tarefa, sen faltar un apartado de recomendacións fundamentais sobre o que non se pode facer nesta observación, como marcar pedras con xiz ou mollar as pinturas.

A Guía de boas prácticas na visita aos sitios con arte rupestre tamén inclúe diversas actividades prácticas que poden realizar os seus usuarios, como fichas e pasatempos.

Te puede interesar