Os socios do consorcio ATHENA da Universidade de Vigo estudan o seu futuro en Roma

A delegación viguesa que participou na xuntanza de Roma.
photo_camera A delegación viguesa que participou na xuntanza de Roma.
As vicerreitoras de Internacionalización e Extensión encabezaron a delegación universitaria nos tres días de congreso

A análise do que se está a facer nos diferentes paquetes de traballo do proxecto actual e a toma de decisións cara á segunda fase centraron a 6ª reunión do consorcio ATHENA (Advanced Technology Higher Education Network Alliance), celebrada nos últimos días en Roma. Na xuntanza organizada pola Unversità Cusano, a UVigo participou cunha delegación encabezada polas vicerreitoras de Internacionalización, Maribel del Pozo, e de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, e que completaban María José Bravo Bosch, a entón directora da Inspección de Servizos da UVigo; Santiago Pozo, director de Internacionalización; Daniel Villanueva, director do Campus Tecnolóxico da UVigo; Eva Garea, directora da Área de Proxectos Internacionais e Educativos da OPI; Inmaculada Anaya, vicedecana de Comunicación da Facultade de Filoloxía e Tradución e as técnicas superiores de Relacións Institucionais e de Igualdade, Alicia López e Mar Fernández. O alumnado da UVigo estivo representando  polo presidente e o tesoureiro de Ceuvi, Miguel Fernández e Agustín Suárez, e polo membro e ESN Vigo, Samuel Fernández.

Reitores das nove universidades que integran o consorcio, o comité de dirección e as persoas que lideran ou participan nos diferentes paquetes de traballo tomaron parte nesta reunión, que o consorcio celebra cada medio ano e á que seguirá a que terá lugar en setembro na Universidade de Siegen, Alemaña. “Nos paquetes de traballo de xestión e gobernanza abordouse a necesidade de constituírnos en entidade xurídica que poida dar resposta ás necesidades dunha universidade europea; revisión do plan estratéxico; funcionamento dos comités de internacionalización e educación; creación do Students Board e integración de novos membros”, detalla a vicerreitora da Internacionalización, Maribel del Pozo. 

As diferentes posibilidades para impartir cursos no seo de ATHENA, comezando polos relacionados con enxeñaría eléctrica; a presentación do primeiro volume anual de ATHENA Research Book, no que investigadres das diferentes institucións están a publicar, facendo fincapé no traballo desenvolvido por estudantes de doutoramento; a posta en común da estratexia de comunicación dixital desenvolta na web e nas redes sociais de ATHENA, así como das novas directrices para o futuro (seguir mellorando a difusión de ATHENA, informar ás súas respectivas comunidades do que é o consorcio e visibilizar a alianza nos soportes das escolas e das facultades) foron algunhas das cuestións abordadas na xuntanza celebrada en Roma.

“No paquete de traballo de internacionalización os membros de ATHENA avanzaron na identificación de necesidades  e na mellora dos servicios dispoñibles para poder incrementar o número de mobilidades previstas entre os socios, co obxectivo de acadar as porcentaxes incluídas no proxecto en vigor. Tamén se presentou a nova planificación dos Erasmus+ Blended Intensive Programmes que se organizarán entre os meses de maio e outubro nas sedes das entidades de ATHENA, coa participación de docentes e alumnos interesados nestas formacións de curta duración en temáticas innovadoras e emerxentes”, detalla Del Pozo. Así mesmo, os socios abordaron a oferta internacional de cursos de verán e insistiuse na importancia de traballar na creación do foro de embaixadores de estudantes ATHENA, así como de avanzar na implementación da European Student Card.

En relación coa industria, destacouse que se están a manter relacións entre empresas e universidades co obxectivo de poder coñecer as necesidades do ámbito empresarial e ofertar formacións deseñadas para cubrilas. Así mesmo, realizarase un informe sobre o estado do mercado de traballo na área de influencia de cada unha das institucións e fomentaranse as relacións entre os socios a través de iniciativas relacionadas con espazos de creación de prototipos, a chamada ATHENA Co-creation Hub. Sobre infraestruturas a reunión centrouse en saber cal vai ser a plataforma de comunicación e formación entre o  profesorado e o alumnado das nove universidades.

A institución fai achegas para definir unha gobernanza en igualdade

 “As achegas da UVigo son sempre moi valoradas e tidas en conta. Un dos temas principais que se tratou na xuntanza foi a visión e a misión da ATHENA durante a segunda fase e aí a UVigo ten moito que dicir, sobre todo na definición dunha gobernanza baseada na igualdade”, apunta a vicerreitora de Internacionalización da UVigo, que confirma que o encontro tamén lles permitiu ter unha primeira impresión de como se poderían materializar as iniciativas sobre igualdade que se fixeron desde a UVigo na nova proposta, un dos paquetes de traballo que lidera a Universidade de Vigo na solicitude que está a avaliar a comisión.

“Moitos aspectos son comúns ao que xa temos diagnosticado na nosa universidade. O ámbito tecnolóxico está moi masculinizado, o que fai que haxa menos atención a estas cuestións e se reproduza o traballo doméstico académico, a segregación vertical ou que non se coide que os espazos de convivencia sexan igualitarios, por exemplo”, explica a vicerreitora.

O estudantado da universidade estivo moi presente na xuntanza

Da xuntanza celebrada en Roma, a vicerreitora de Internacionalización tamén destaca o traballo desenvolvido polo Student Board de ATHENA, formado polos consellos de estudantes (como o Ceuvi, no caso da UVigo) e polos equipos locais de ESN (Erasmus Student Network), que debateron varias propostas para a promoción da universidade que se está a crear. Realizáronse análises das principais vantaxes da alianza para o alumnado, discutíronse ideas para próximos eventos e proxectos por e para estudantes (hackathons, congresos, cursos de formación abertos para os estudantes das universidades da alianza…) e preparáronse as liñas de traballo para os próximos meses. “Converter á UVigo en parte de ATHENA permitirá unha mobilidade moito mais sinxela para os programas Erasmus entre membros da alianza, incrementará a oferta formativa, podendo cursar materias impartidas por docentes doutras universidades e mellorará os programas de prácticas en empresas aumentando a oferta con convenios deseñados para alumnado de ATHENA, sen importar se son da Universidade de Vigo, de Siegen ou de Maribor, por exemplo”, explica Del Pozo.

A vicerreitora de Internacionalización da UVigo valora de xeito moi positivo a integración en ATHENA, “un proxecto apaixonante, que vai supor un salto cualitativo para a Universidade de Vigo. Maior presenza internacional, maiores posibilidades de captación de fondos para investigación, máis capacidade para atraer talento, maiores posibilidades para a inserción laboral dos nosos egresados, etc.”, enumera Del Pozo.

Te puede interesar