Universidade

Suspendidas as probas físicas para Ciencias do Deporte

Aínda que o acceso do alumnado de novo ingreso dependía das cualificacións obtidas na Abau e do seu expediente académico, o estudantado que quixese cursar o grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte na Universidade de Vigo debía superar tamén o requisito de obter a cualificación de apto nunhas probas físicas que, por mor da situación excepcional xerada pola Covid-19, non se levarán a cabo neste 2020. Segundo recolle a resolución reitoral pola que se suspende a celebración destas probas, a admisión para o curso 2020-2021 no grao seguirá o procedemento xeral establecido para o acceso a estudos oficiais do Sistema Universitario de Galicia.

"O acceso será igual que para calquera outra carreira", explica o decano de Ciencias da Educación e do Deporte, Vicente Romo, que sinala á "imposibilidade de levar a cabo" unhas probas inicialmente convocadas para o 22 de maio e 18 de xuño, así como o feito de que "os aspirantes non puidesen preparalas" por mor do confinamento, como os motivos dunha decisión que, engade, adoptaron tamén outras universidades. Así, despois de que a Xunta de Facultade acordase por unanimidade solicitar a súa anulación, unha resolución reitoral deixa tamén sen efecto a resolución do mes de marzo que establecía o procedemento para a súa realización.

Te puede interesar