Unha tese analiza a presenza da auga na mitoloxía de Galicia

Rafael Adalid, durante a presentación da tese na Facultade de Educación e Traballo Social.
photo_camera Rafael Adalid, durante a presentación da tese na Facultade de Educación e Traballo Social.
O ourensán Rafael Adalid indagou sobre a riqueza da cultura oral, especialmente a da provincia

Indagar sobre a riqueza da cultura oral galega que fai alusión á auga e no tratamento que se fai en educación deste patrimonio simbólico co obxectivo último de contribuír á súa supervivencia é o obxectivo marcado polo egresado de Educación Primaria Rafael Adalid na súa tese de doutoramento, dirixida polo profesor Xosé Manuel Cid e presentada este ano na Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense baixo o título "A mitoloxía galega relacionada coa auga. Análise de contido e aproveitamento como recurso en educación".

O autor analizou contos, lendas e mitos, ademais de realizar entrevistas e estudar documentos

Segundo explica o xa doutor pola Universidade de Vigo, "os contos, lendas e mitos da tradición oral son unha temática que sempre me gustou e ocorréuseme a idea de empregala a nivel educativo, creando propostas para frear a súa perda". O estudo, detalla, parte do encadramento da transmisión oral dentro do patrimonio cultural inmaterial establecido pola Unesco, posibilitando o estudo teórico sobre os contos, lendas e mitos transmitidos de forma oral e analizando as características e as perdas que se reflicten neles. 

Na tese, o autor investiga as crenzas, misticismo e supersticións dos elementos da natureza, mostrando especial atención á auga, da que se recollen historias, identifícanse personaxes mitolóxicos e establécense paralelismos con "culturas precursoras á galega e con outras próximas xeograficamente". Por último, o traballo céntrase nos beneficios que pode achegar esta tradición oral ás novas xeracións facendo propostas de aplicación nos centros de ensino como ferramenta educativa.

A metodoloxía empregada no estudo foi etnográfica, recorrendo á observación participante, á realización de 30 entrevistas e á análise de documentos. Aínda que abrangue o conxunto de Galicia, o traballo presta especial atención á provincia de Ourense, facendo un estudo en diferentes comarcas ourensás das historias máis representativas. Ao longo da tese, o autor analiza contos, lendas e mitos de diferentes concellos, desde os relacionados coas augas termais da cidade de Ourenes ata os que identifican o río Limia co río do esquecemento ou os que falan do xurdimento da fonte de Santa Mariña de Augas Santas, en Allariz, trala decapitación da filla dun gobernante romano abandoada pola súa crenza no cristianismo. Froito deste traballo indica como se aprecia que "na crenza popular da nosa terra e de outros países, a auga é capaz de curar, limpar, producir a fertilidade e purificar".

Te puede interesar