Universidad

A UVigo achega a súa oferta académica ós institutos

Poden elixir entre 55 relatorios, todos eles adaptados ás temáticas de secundaria

A crise sanitaria non está a permitir que o alumnado de colexios e institutos poida achegarse aos campus a través das xornadas de portas abertas, as actividades divulgativas ou visitas guiadas. Para tratar de manter esta ponte entre a Universidade e os estudantes pre-universitarios, a Vicerreitoría  de Captación de Alumnado deseñou un programa de charlas científico-divulgativas co obxectivo de levar o coñecemento que se xera nas escolas e facultades da UVigo a institutos de toda Galicia. 

Trátase, como explica a vicerreitora Natalia Caparrini, de ofrecer ao estudantado de cuarto de ESO, Bacharelato e FP a posibilidade de que "o noso profesorado especializado imparta charlas divulgativas sobre temas da súa investigación que sexan atractivos para o alumnado de secundaria". En total o catálogo comprende 55 opcións de relatorios de divulgación científica, coas que se busca achegar ao alumnado preuniversitario un amplo abano de temas científico-tecnolóxicos, de humanidades, arte ou de ciencias xurídicas e sociais e da saúde, de modo que o alumnado pode participar no desenvolvemento dunha clase universitaria cun contido docente adaptado ao seu nivel educativo.

Os centros interesados deben consultar o catálogo de charlas, dunha hora de duración, e unha vez elixidas as temáticas preferentes poderán encher o formulario para iniciar a xestión e a organización do faladoiro seleccionado. Unha vez a Universidade reciba o formulario poñerase en contacto co centro para concretar a data na que será realizada a actividade. Os centros educativos poderán solicitar as charlas durante todo o ano, e estas celebraranse entre o 1 de xaneiro e o 31 de maio de cada curso académico. Para atender ao maior número de centros, cada un poderá gozar dun máximo de dúas sesións divulgativas.

Te puede interesar