Universidade

A Uvigo celebra o seu patrón, Santo Tomé, de xeito virtual

A cerimonia poderá seguirse en directo pola canle da universidad a partir das 12,00 horas

A pandemia do coronavirus obriga a cambiar as tradicións. A Universidade de Vigo celebrará este ano o seu patrón, San Tomé de Aquino, de xeito virtual. A cita será este xoves, día 28, a partir das 12.00 horas nunha ceremonia que estará presidida polo reitor, Manuel Reigosa, e que poderá seguirse en directo a través da canle 1 de UVigo-Tv, quedando reducida a asistencia presencial a unha pequena representación de decanos e directores de escolas e facultades.

Acompañarán ao reitor na mesa presidencial o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, e a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini. A tradicional entrega de distincións académicas, neste caso correspondente ao curso 2019-2020, non contará coa participación das persoas premiadas, senón que, será o secretario xeral, Miguel Ángel Michinel, o encargado de ir lendo o nome das persoas galardoadas cos Premios extraordinarios de grao, os Premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e de máster na Universidade de Vigo, os Premios á excelencia académica para alumnado que inicia estudos de grao na Universidade de Vigo no curso 2020-2021 e os Premios á excelencia académica para alumnado que inicia estudos de mestrado na Universidade de Vigo no curso 2020-2021 .

A cerimonia completarase co discurso do reitor, Manuel Reigosa, e pecharase coa tradicional interpretación do Gaudeamus Igitur. O acto académico da festividade de San Tomé de Aquino coincide nesta ocasión co propio día da efeméride, polo que será festivo na Universidade de Vigo o día seguinte, venres 29 de xaneiro, data na que as instalacións dos tres campus permanecerán pechadas.

Te puede interesar