Universidad

A UVigo quere coñecer a popularidade da Prehistoria

Andrea Mouriño é a responsable do proxecto.
photo_camera Andrea Mouriño é a responsable do proxecto.
Unha investigación afonda na percepción actual deste periodo dende unha perspectiva de xénero

No marco do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) e do Grupo de Innovación Docente en Educación Patrimonial, ambos da Universidade de Vigo, estase a desenvolver un proxecto de investigación sobre a percepción social na actualidade do pasado prehistórico e o seu imaxinario colectivo desde unha perspectiva de xénero. Para indagar de cheo no paradigma social do pasado prehistórico, convidan a participar neste estudo cubrindo unha enquisa anónima sobre os seus coñecementos deste período.

"O estudo ten como obxectivo investigar sobre como se constrúe, produce e comunica o coñecemento científico, neste caso histórico, sobre a Prehistoria do noroeste peninsular, xerado desde a arqueoloxía á sociedade dende unha perspectiva de xénero", explica a investigadora Andrea Mouriño, que forma parte do proxecto de investigación da súa tese de doutoramento, que se desenvolve baixo a dirección da investigadora Beatriz Comendador, profesora da Área de Prehistoria da Facultade de Historia de Ourense.

Dentro desta investigación, explica a súa responsable, o foco central é a análise da inclusión do xénero nos discursos ofrecidos dende diversas canles de difusión de coñecemento científico. Así, detalla, búscase "coñecer a realidade imperante no ámbito da difusión patrimonial galega en relación á Prehistoria e ao xénero coa pretensión de evidenciar a ambigüidade e usos descontinuos nos contidos e nas formas de conxugar as lóxicas referentes ao xénero neste ámbito, pese aos avances en prol da igualdade". Segundo detalla a investigadora, "posto que pese a que dende a arqueoloxía contemporánea se conta a día de hoxe con metodoloxías e estratexias de abondo para estudar o pasado dende enfoques inclusivos, onde o xénero é unha categoría máis de análise para coñecer as sociedades prehistóricas, a presenza de sexismos, estereotipos e falsos históricos asumidos como verdades universais xunto co emprego dunha linguaxe discriminatoria son a norma a seguir".

Como parte deste proxecto, lanzouse unha enquisa on-line aberta ao público xeral, adaptada para toda as idades a partir dos dez anos, e "onde no existen respostas correctas ou incorrectas". A participación é totalmente anónima e o tempo requirido para a súa realización breve. "Que imaxe lle vén á mente cando escoita a palabra Prehistoria?", "Coñece algún xacemento arqueolóxico prehistórico en Galicia?" ou "Que papel cre que tiña as mulleres e os homes dentro das sociedades prehistóricas?" son algunhas das preguntas que se realizan na enquisa. O cuestionario ofrece ademais a oportunidade de deixar os comentarios oportunos, as impresións ou suxerencias tras realizar a enquisa, como de indicar se queren coñecer en primeira persoa os resultados da investigación cando estean dispoñibles.

Te puede interesar