Formación

Volve o curso de actualización xurídica á Facultade de Dereito

Ana María Tobío, Marta Fernández e Santiago Hierro, durante a videoconferencia.
photo_camera Ana María Tobío, Marta Fernández e Santiago Hierro, durante a videoconferencia.
O catedrático Santiago Hierro abordou as políticas de bo goberno corporativo e os seus códigos

O Curso de Actualización Xurídica 2020/2021 da Facultade de Dereito do Campus de Ourense retomou onte a súa programación, cunha conferencia a cargo de Santiago Hierro, catedrático de Dereito Mercantil da Universidad de Alcalá de Henares. Esta iniciativa, organizada por terceiro ano consecutivo na citada facultade, celebrararse ata maio, con sete sesións e oito charlas, cada unha centrada nunha área diferente do dereito pero todas elas abordando temas de carácter transversal e de actualidade no eido xurídico

O conferenciante Santiago Hierro afondou na aplicación de políticas de bo goberno corporativo, inicialmente creadas para as compañías que cotizan en bolsa, en sociedades pechadas e empresas familiares, que están fóra do mercado de accións.

Santiago Hierro comezou a súa intervención explicando que goberno corporativo "é un termo que fai referencia ao conxunto de normas, principios, procedementos, que regulan o que sería o funcionamento dos órganos de goberno dunha empresa". A finalidade última que sempre se buscou co goberno corporativo, indicou, "é incrementar o valor das accións pero agora tamén se buscan outra serie de valores como serían a sostibilidade da empresa a longo prazo" e os intereses ambientais, sociais e de gobernanza nun sentido amplo. 

O relator explicou como tamén existen códigos de goberno corporativo para sociedades non cotizadas e empresas familiares, códigos realizados por diferentes organismos (como colexios de economistas) tanto de carácter estatal coma internacional, estendéndose a súa aplicación nas últimas décadas. 

Dilatado currículo

Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito, destacou como con esta charla continúa un curso que xurdiu coa idea de "facilitar unha formación multidisciplinar dos docentes, investigadores e alumnos deste centro e facilitar tamén a súa actualización en temáticas específicas". Ana María Tobío, catedrática de Dereito Mercantil da UVigo, subliñou do relator o seu "excelente" e "dilatado"  currículo tanto académico como profesional. 

Este proxecto está organizado por Marta Fernández, profesora titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e decana da Facultade de Dereito; Susana Álvarez, profesora contratada doutora de Filosofía do Dereito e vicedecana deste centro; e Francisca Fernández Prol, profesora titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social. 

Te puede interesar