Volve a feira das investigadoras: “A ciencia que vén ten nome de muller”

Tras o éxito da primeira edición, na que tomaron parte 400 asistentes, ‘A feira que vén ten nome de muller’ esténdese a outros dous espazos: o edificio Redeiras, onde haberá unha conferencia de Nair Varela Rouco sobre mulleres relevantes na investigación, e o Insituto Marítimo Pesqueiro, onde terá lugar unha visita guiada polo planetario.
photo_camera Tras o éxito da primeira edición, na que tomaron parte 400 asistentes, ‘A feira que vén ten nome de muller’ esténdese a outros dous espazos: o edificio Redeiras, onde haberá unha conferencia de Nair Varela Rouco sobre mulleres relevantes na investigación, e o Insituto Marítimo Pesqueiro, onde terá lugar unha visita guiada polo planetario.
A praza do Berbés acollerá o vindeiro 21 de abril esta iniciativa para amosar á sociedade o traballo das investigadoras da UVigo

A expo-feira ‘A ciencia que vén ten nome de muller’ abrirá as súas portas, por segundo ano consecutivo, o vindeiro 21 de abril na praza do Berbés, estendendo as súas actividades ao edificio Redeiras, onde se celebrará unha conferencia, e ao planetario do Instituto Marítimo Pesqueiro, onde se desenvolverá unha visita guiada.

Logo do éxito acadado na primeira edición, na que tomaron parte 400 persoas, o recinto da feira, que se instalará na praza do Berbés, coa finalidade de fomentar as vocacións científicas e investigadoras, dando a coñecer á sociedade o traballo desenvolvido nas universidades, nomeadamente o das investigadoras da UVigo, acollerá este ano unha ducia de postos, 10 sobre proxectos, grupos e centros de investigación da universidade, un da Unidade de Igualdade da UVigo e outro informativo sobre a Deputación de Pontevedra.

Na presentación da expo-feira, celebrada este mediodía no edificio Redeiras, as vicerreitoras de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, e de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, incidiron no carácter lúdico da iniciativa, coa que a UVigo pretende seguir achegando a ciencia á sociedade dun xeito accesible e divertido.

“Neste tipo de eventos, dirixidos a un público familiar, tamén queremos poñer cara ás nosas investigadoras menos recoñecidas e amosar o que a UVigo está a facer”, explicou Valderrama, que animou á cidadanía a participar na feira “tocando e experimentando”. Neste sentido, Belén Rubio lembrou que a Ley de la Ciencia contempla especificamente no seu artigo 37 unha referencia á ciencia aberta, co obxectivo de “que a xente saiba que facemos na universidade”.

Ambas as dúas vicerreitoras destacaron o impacto que accións como a expo-feira A ciencia que vén ten nome de muller teñen no grao de coñecemento que a sociedade ten a Universidade de Vigo.

“Estes labores de difusión levan anos e esta feira celebrará a semana que vén a súa segunda edición, moi centrada no papel da muller na ciencia que é moi importante. Pero esta é unha carreira moi longa”, dixo Rubio, que tamén destacou a importancia de traballar coas nenas desde que son pequenas para fomentar a vocacións científicas, amosándolles referentes, a través de iniciativas como as charlas que investigadoras da UVigo imparten en centros de primaria e secundaria de toda Galicia.

“As influencers non son científicas, aínda que xa hai algunhas que o están a facer”, sinalou Mónica Valderrama, que lembrou outras iniciativas postas en marcha desde a UVigo, como as publicacións da colección Quero ser investigadora, as xornadas de portas abertas dos centros de investigación e iniciativas pioneiras como a docencia cero para o PDI que se reincorpora á actividade logo dunha baixa de maternidade.

As actividades de A ciencia que vén ten nome de muller completaranse coa conferencia que a partir das 19,15 horas impartirá a investigadora en evolución do cancro do Cinbio da UVigo, Nair Varela Rouco, que fará un percorrido por historias de mulleres relevantes no campo da investigación. Pola súa banda, o Instituto Marítimo Pesqueiro organizará, a partir das 16.00 horas, unha visita ao planetario, guiada polo capitán da Mariña Mercante Adolfo García Campos. Esta actividade ten un aforo limitado a 40 persoas, polo cómpre que os interesados realicen unha reserva na ligazón https://www.eventbrite.es/e/587110522377.

A expo-feira insírese no programa de actividades 2022-2023 de Ciencia de ida e volta, o plan anual da Unidade Cultura Científica (UCC) da UVigo, que conta cun orzamento de 128.000 euros sufragado con fondos propios e cunha achega da FECYT de 11.000 euros, o que supón un incremento do 29% con respecto ao orzamento de 2021/2022. Formación para o PDI ou as actividades desenvolvidas o 11F co gallo do Día Internacional da Muller e a Nena e a Ciencia, son algunhas das accións que xa se levaron a cabo este curso ao abeiro do programa Ciencia de ida e volta.

Saúde, medio ambiente, patrimonio e tecnoloxía

De Galicia ao espazo; Realidade virtual e realidade aumentada ou A importancia das algas microscópicas mariñas son os títulos dalgúns dos obradoiros que entre as 16 e as 19.30 horas se desenvolverán na praza do Berbés, que ademais contra o mediodía recibirá a visita de escolares e 5º e 6º de primaria dun centro educativo da contorna.

Tanto o alumnado, como o público que pola tarde visite a expo-feira poderá somerxese, da man das e dos investigadores da UVigo, a través de obradoiros e experimentos en ámbitos como o medio ambiente, a saúde, a tecnoloxía ou o patrimonio, as liñas temáticas elixidas para estas edición do evento.

Te puede interesar