Universidad

Xornada para visibilizar o papel da muller na era antiga

A cita contou coas intervencións de Agnès Garcia, Rosa Cid, Ana Iriarte e Rosa Sanz.
photo_camera A cita contou coas intervencións de Agnès Garcia, Rosa Cid, Ana Iriarte e Rosa Sanz.
A Facultade de Historia celebrou de xeito virtual a terceira edición destas xornadas formativas

O Campus Remoto da UVigo acolleu a celebración online da terceira edición das xornadas "Olladas á Antigüidade", organizadas pola profesora e decana da Facultade de Historia do campus de Ourense Susana Reboreda. A cita, que levou por título "Mulleres con nome propio", permitiu ao máis de medio centenar de asistentes achegarse á historia de personaxes históricos concretos das catro grandes culturas da antigüidade e ao mesmo tempo reflexionar sobre como se realiza esta ollada ao pasado desde unha perspectiva de xénero.  

A xornada, que contou co apoio da Unidade de Igualdade de Universidade de Vigo e da Deputación de Ourense, puido seguirse de xeito presencial nunha aula da Facultade de Historia e foi inaugurada virtualmente polo reitor, Manuel Reigosa. Na súa intervención, apuntou a importancia de iniciativas coma esta considerando que "unha sociedade máis xuta ten que recoñecer o papel das mulleres, que en moitas ocasións está deturpado, está agachado". Pola súa banda, a deputada provincial Luz Doporto salientou en representación da Deputación de Ourense, a colaboración existente entre o órgano provincial e a institución académica e quixo dar á organización da cita a "noraboa por seguir adiante con estas xornadas, a pesar das dificultades".  Durante a inauguración da actividade, Susana Reboreda subliñou a súa satisfacción ante o feito de que "por terceira vez vemos que é posible que estas xornadas sexan unha realidade a pesar dos atrancos, que neste caso son atrancos moi considerables", en referencia á covid-19. A celebración desta cita en formato virtual, incidiu, "vai unida á idea que a Facultade de Historia fixo súa desde o primeiro momento de que a pandemia non nos para".

As xornadas contaron coa participación dunha persoa destacada no eido académico de cada unha das catro grandes culturas da antigüidade, falando cada unha delas sobre unha ou varias mulleres significativas nesas grandes culturas. Concretamente  Agnès Garcia, doutora en Historia e profesora da Universitat Autònoma de Barcelona, falou de Puabi e Enheduana, "dúas mulleres poderosas na cidade de Ur (aproximadamente 2.500-2.300 antes da era común)". Rosa Cid, catedrática de Historia Antiga da Universidad de Oviedo, interveu sobre "Cleopatra VII, a poderosa raíña ptolemaica", e Ana Iriarte, catedrática de Historia Antiga da Universidad del País Vasco, falou sobre o caso de Neera na Grecia clásica. Por último Rosa Sanz, catedrática de Historia Antiga da Universidad Complutense de Madrid, ofreceu unha conferencia sobre "Augustas romanas, princesas bárbaras: Gala Placidia e Justa Honoria".

Te puede interesar