As Xornadas de Patrimonio Natural pasan ó Campus Remoto

Convertidas, como sinalan desde a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), nunha "cita ineludible co eido medioambiental galego", as Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade celebrarán neste 2020 a súa cuarta edición nas súas datas habituais, se ben se trasladan da Escola de Enxeñaría Forestal ao Campus Remoto. 

Organizadas pola Delegación de Pontevedra da SGHN coa colaboración da Universidade de Vigo, a Deputación Provincial e Espazo Arroelo, estas xornadas desenvolveranse de xeito telemático este sábado 28, reunindo no seu programa sete conferencias que permitirán afondar en cuestións como a conservación de hábitats prioritarios nos montes, a contaminación por metais pesados nas Rías Baixas ou as consecuencias que o abandono do rural galego está a ter na biodiversidade.

As IV Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade contan con inscrición gratuíta, sendo necesario cubrir un formulario electrónico de reserva de praza, dado o aforo limitado. "A Sociedade de Historia Natural é a organización de defensa ambiental galega máis veterana, con base científica e unha voz relevante en moitas da materias de interese para o noso centro, os nosos egresados e o noso persoal", salienta o director da EE Forestal, Juan Picos.

Te puede interesar