EMPRENDER

12 novas sementes para o ecosistema de emprendemento de Incuvi

photo_camera Foto de familia dos gañadores e autoridades asistentes á entrega dos premios Incuvi-Emprende e Incuvi-Avanza.

Seis proxectos innovadores instalaranse en Vigo, catro en Ourense e dous en Pontevedra

Os premios Incuvi cumpren un lustro buscando as mellores iniciativas emprendedoras universitarias para convertelas en realidades empresariais. Nestas cinco edicións presentáronse 150 propostas e 47 delas convertéronse en startups de alto valor innovador nos tres campus. O pasado xoves déronse a coñecer as 12 propostas gañadoras da edición 2016 dos premios Incuvi-Emprende e as dúas iniciativas seleccionadas na primeira edicións Incuvi-Avanza, unha convocatoria de consolidación para propostas vencedoras en edicións anteriores.

No acto de entrega de premios o reitor, Salustiano Mato, debuxou unha Universidade de Vigo que “cada vez amosa máis músculo e máis dinamismo”, que é quen de converter en realidade “cousas que poden parecer soños pero que cada día constatamos que son realidade”. Esa é a finalidade de Incuvi, consolidarse como unha “fábrica de emprendedores, un vehículo para facer realidade ideas e crear cultura de emprendemento”. Para iso, na edición 2016 seleccionáronse 18 finalistas, dos que foron elixidos seis proxectos gañadores do campus de Vigo, catro de Ourense e dous de Pontevedra. Todos eles teñen por diante un ano de traballo para converter en realidade a súa idea de negocio e farano dende os espazos de pre-incubación das sedes Incuvi de Ourense, na Tecnópole; de Pontevedra en AJE; e de Vigo en Cidade Universitaria. Mato constatou que as propostas do estudantado son “cada vez máis atrevidas, creativas, imaxinativas e revolucionarias, deixando claro onde nace o talento”. Agradeceu tamén a todas as empresas e institucións que patrocinan e fan posible Incuvi e certificou a consolidación do proxecto no sur de Galicia e a intención da Universidade de Vigo de que “este estilo se propague”.

Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social, coincidiu co reitor na importancia de xerar un “ecosistema de empredemento que facilite a aparición dunha nova xeración de empresarios e traballadores que aposten por asumir actitudes emprendedoras que sirvan de cimentos para o éxito e a prosperidade da nosa sociedade”. Pola súa banda, José Manuel Pinal, director xeral de Centros e RRHH da Xunta de Galicia, puxo en valor o calado de iniciativas como Incuvi, que “reforzan o papel da universidade como berce do máis alto saber e como correa transmisora dese saber ao conxunto da sociedade”. 
A vicerreitora de Estudantes, Dolores González, foi a encargada de dar a coñecer os gañadores e lembrou que xa na pasada edición de Incuvi se acadou “un dos nosos meirandes fitos: a globalización académica e xeográfica de Incuvi-Emprende, chegando así a todas as áreas de coñecemento e a tódolos centros e titulacións da Universidade de Vigo” e avanzou novas transformacións que respondan ás demandas do estudantado emprendedor, porque “o obxectivo último é que os estudantes creen empresas que melloren o mundo e creen emprego de calidade”. Gonzalez tivo tamén unhas palabras de ánimo para “o pai do Incuvi-Emprende, o noso compañeiro José Antonio Vilán”.

Te puede interesar
Más en Universitas