REFERENCIA INTERNACIONAL

O 25% do alumnado de doutoramento do Campus do Mar é estranxeiro

Un de cada catro alumnos do programa, nado hai catro anos e que aspira a se converter nunha referencia, vén de fóra.

Naceu hai apenas catro anos coa vocación de converterse nunha das referencias mundiais en programas de doutoramento no ámbito mariño e hoxe, catro anos despois, botou a andar a súa cuarta edición con 186 alumnas e alumnos matriculados, un 25% estranxeiros e, máis concretamente, procedentes de 19 países.

Falamos do programa de doutoramento do Campus do Mar, que este xoves presentou a súa cuarta edición nun acto que, grazas á transmisión por videoconferencia, puido seguirse de xeito simultáneo nas tres universidades galegas e nas tres do norte de Portugal (Aveiro, Minho e Tras os Montes e Alto Douro). Déronlles a benvida o reitor da Universidade de Aveiro, Manuel Assunçao, e o seu homólogo vigués, Salustiano Mato, que non dubidou en referirse a esta iniciativa como un “exemplo inmellorable”, non só na península ibérica, senón en toda Europa, “de agregación de intelixencia e de institucións para acadar un programa de doutoramento único nunha temática especializada e sectorial como é o mundo mariño e marítimo”.

Te puede interesar
Más en Universitas