UNIVERSITAS

ADE presenta o seu dobre grao internacional

grupo_result
photo_camera Virxilio Rodríguez, Elena Rivo, Gerhard Feldmeier, Manuel Fernández e Elena de Prada durante o acto de presentación.

Trátase dunha iniciativa pioneira no campus de Ourense
 

No seu proceso de internacionalización, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense vén de dar un paso máis. Este martes presentou a súa nova oferta de grao internacional en Administración e Dirección de Empresas pola University of Applied Sciences Bremerhaven, en Alemaña, e pola Universidade de Vigo. A iniciativa permitirá a cinco estudantes do centro ourensán realizar o último curso na Hochschule Bremerhaven e a outros cinco estudantes alemáns facelo mesmo en Ourense. Así, os participantes rematarán os seus estudos cunha dobre titulación que lles dará un plus engadido na súa saída ao mercado laboral.

A presentación da iniciativa contou coa participación de Manuel Fernández Iglesias, vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo; Gerhard Feldmeier, vicerreitor de Internacionalización da Hochschule Bremerhaven; Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Elena Rivo, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo.

“A docencia en inglés e a posta en marcha de dobres graos internacionais son dúas liñas estratéxicas da política de internacionalización desta universidade e nelas esta facultade é un centro pioneiro”, salientou Fernández Iglesias. Tamén felicitou Virxilio Rodríguez ao centro por esta aposta pola súa internacionalización e subliñou a satisfacción que supón para o campus a este proxecto.

Te puede interesar
Más en Universitas