CLUB CREATIVOS DE FACEBOOK

Tres alumnas do campus de Pontevedra, finalistas do Hack for Good

20170215111118781_result
photo_camera Lidia Dosil, Tania Castelo e Umá De Oliveira son tres das finalistas deste concurso Hack for Good de La Cantera de C de C.

Dentro dos actos do ‘c de c’ en San Sebastián, terán 48 horas para idear unha campaña para unha ONG

48 horas para idear unha campaña para unha ONG. Ese é o reto que os días 15 e 16 de marzo deberán afrontar as estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Tania Castelo, Lidia Dosil e Umá de Oliveira, integrantes dun dos oito equipos finalistas do Hack for Good de La Cantera de C de C, unha competición promovida polo Club de Creativos e Facebook que se enmarca no programa de actos do c de c 2017, o evento que no mes de marzo reunirá no Palacio Kursaal de San Sebastián aos principais representantes da industria da comunicación e a creatividade en España. Preto de 100 equipos, integrados por estudantes de universidades e escolas de toda España concorreron a unha competición na que os equipos gañadores terán un espazo na vindeira edición do Anuario de la Creatividad Española.

“A selección fíxonos moita ilusión”, recoñece Dosil tras saber que o proxecto que presentaron para a primeira fase deste concurso, na que os preto de cen equipos participantes tiveron que elaborar, partindo dun briefing común, unha campaña sobre a racionalización de horarios no posto de traballo, fora un dos oito seleccionados. Xunto ao seu proxecto, un xurado integrado por dez dos membros do que outorgará, tamén no marco do c de c, os Premios Nacionais de Creatividade 2017, seleccionou como finalistas os presentados por outros sete equipos pertencentes ás universidades Rey Juan Carlos Cádiz e das escolas Brother de Madrid e Barcelona e The Atomic Garden, tamén de Madrid.

Estes oito equipos recibirán na mañá do 15 de marzo un briefing, tamén común para todos, do proxecto que terán que idear en dous días e do que non terán ningunha información ata entón. “En xeral, penso que levamos peor non tanto o das 48 horas, senón o de ter que expoñer un traballo feito nese tempo diante de profesionais”, recoñece Castelo, quen ao mesmo tempo admite que a súa presenza na final deste concurso “non deixa de ser un impulso que dá moitos ánimos”. 

Será no propio acto de entrega dos premios nacionais, o día 18, cando se dea a coñecer o nome dos tres proxectos premiados, cuxos autores e autoras pasarán a formar parte de La Cantera de C de C e verán como os seus traballos figuran no Anuario de la Creatividad. “Ese sería un premio enorme, porque se trata dun anuario que chega a case todas as axencias de España”, engade De Oliveira. Así mesmo, Facebook encargarase de producir e difundir a idea gañadora, unha campaña que irá destinada a unha organización non gobernamental.

Te puede interesar
Más en Universitas