UNIVERSITAS

Análise da traducción do filme ‘Donkey Xote’

photo_camera Mercedes Ariza, investigadora.

Bonaerense de nacemento pero afincada en Italia desde hai anos, Mercedes Ariza elixiu Vigo para realizar a súa tese de doutoramento.

O filme Donkey Xote (José Pozo, 2007) chegou a gran pantalla disposto a facer atractiva a obra de Cervantes a pequenos e adultos incidindo no humor e na simbiose entre a época cervantina e o mundo moderno. Voces tan coñecidas como as de José Luis Gil, o señor Cuesta de "Aquí no hay quien viva", no papel de Don Quijote, ou dos presentadores André Buenafuente, no papel de Sancho Panza, e Sonia Ferrer, no de Dulcinea del Toboso, foron os encargados de pórlle voz á versión animada do clásico de Cervantes. Traducida a catro idiomas –inglés, italiano, catalán e galego- e visionada en máis de 26 países, o filme serviulle á investigadora Mercedes Ariza como unha ferramenta ideal de traballo para realizar unha tese de doutoramento coa que arroxar luz sobre a tradución das adaptacións audiovisuais de obras literarias, un campo de estudo cun gran potencial de desenvolvemento.
Unha vez finalizado o estudo a conclusión da investigadora é clara: as versión galega, catalá e inglesa son as que máis respectan o filme orixinal, mentres que a dobraxe italiana, “sen ningunha dúbida”, é a que máis se afasta e a que introduce un maior número de alusións para os adultos, “eliminando por completo moitas referencias históricas e culturais da obra cervantina”, subliña a autora da tese, que fai fincapé en que na versión italiana se introducen múltiples elementos que buscan espertar a risa no espectador adulto, que van desde películas, tanto italianas como estadounidenses, ata personaxes famosos deste país.

Bonaerense de nacemento pero afincada en Italia desde hai anos, Mercedes Ariza elixiu Vigo para realizar a súa tese de doutoramento tras coñecer nun congreso á profesora Lourdes Lorenzo, directora da tese, que asistira a esa cita como autora dun relatorio sobre o desafío que supón para o tradutor a dobraxe de debuxos animados. “Esta foi a primeira toma de contacto”, subliña a investigadora, que recalca que continuou con esta liña por dous motivos principais “é un tema moi interesante e apenas está tratado no ámbito académico”.

A elección de Donkey Xote non se fixo ao azar, o filme cumpría dous requisitos básicos: por unha banda é unha adaptación libre da obra de Cervantes levada a cabo na estela do IV centenario da publicación do orixinal, “o que nos permitía analizar de que maneira se presenta no século XXI ao personaxe de Don Quijote”, subliña a investigadora, que fai fincapé en que se trata dun texto que foi sometido a un proceso de modificación respecto ao orixinal cervantino, reducindo o número de episodios, introducindo aspectos modernos que pouco teñen que ver co momento histórico do texto de Cervantes.

Te puede interesar
Más en Universitas