UNIVERSITAS

Tres anos para sementar no campus o interese polo futuro da UE

gal1-2-_result
photo_camera O profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Celso Cancela.

A Comisión Europea concedeu á Cátedra Jean Monnet ao profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Celso Cancela

“Probablemente, as cadeiras nas que nos sentamos foron elaboradas tendo en conta normativas comunitarias”, destaca o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Celso Cancela para facer patente que a Unión Europea “está moito más presente nas nosas vidas do que pensamos”. De aí que incida no valor que pode ter achegar a un campus, o de Pontevedra, “con titulacións que en principio gardan pouca relación directa coa UE”, un debate sobre o futuro da comunidade europea, que é o que fará posible a Cátedra Jean Monnet que a Comisión Europea concedeu a este profesor da Área de Ciencia Política e da Administración. “A cátedra permítenos ter un pequeno paraugas co que chegar a persoas que na súa formación non van a ter trato coa Unión Europea, pero que, sen embargo, si o poden ter cando entre no ámbito laboral, polo que é unha forma de sensibilizar, non tanto de especializarse como de sementar inquedanzas, desexo de coñecer máis”, destaca.

Cun período de desenvolvemento que abrangue do presente curso a agosto de 2017, esta cátedra promovida polas institucións comunitarias co fin de fomentar o desenvolvemento de actividades relacionadas coa construción e integración europea vén de ser outorgada por primeira vez a un docente do campus. Durante os próximos tres cursos, Cancela porá en marcha un seminario sobre federalismo na UE, outro sobre a administración comunitaria e un club de lectura a través de internet, no que se debaterán textos vinculados á construción da UE. Todas elas, serán actividades abertas a todas as persoas interesadas.

Te puede interesar
Más en Universitas