investigación

Begoña Cid, Eduardo Liz e Frank Hilker gañan o “bellman” en biomatemática

Begoña Cid, Eduardo Liz e Frank Hilker.
photo_camera Begoña Cid, Eduardo Liz e Frank Hilker.

O seu traballo foi elixido entre máis de 200 artigos de investigación

O premio Bellman é un dos galardóns máis prestixiosos a nivel internacional no eido da Bioloxía Matemática. Concédeo cada dous anos a editorial Elsevier a un artigo publicado na revista Mathematical Biosciences e, na súa última edición, outorgóuselle a un traballo asinado por Begoña Cid e Eduardo Liz Marzán, investigadores do Departamento de Matemática Aplicada II da Universidade de Vigo, xunto co investigador alemán Frank Hilker, da Universidade de Osnabrück, autores dun traballo sobre o uso de modelos matemáticos en dinámica de poboacións.

O traballo premiado, titulado “Harvest timing and its population dynamic consequences in a discrete single-species model”, foi elixido, entre máis de 200 artigos de investigación publicados nesta revista no bienio 2014-2015, por un comité internacional de nove reputados expertos e expertas.  “Para nós recibir este premio supón un grande estímulo para continuar na liña de traballo en modelos matemáticos en Bioloxía desenvolvida por algúns integrantes do grupo Matemática Aplicada 1, Ecuacións diferencias e simulación numérica da Universidade de Vigo”, explica Liz Marzán, ao que Cid engade que “o premio confirma que os problemas abordados son de interese para un amplo sector da comunidade biomatemática”.

Os diferentes traballos premiados ao longo da historia co premio Bellman demostran a aplicación exitosa das matemáticas e a computación rigorosa a un fenómeno altamente pertinente. Nesta edición o traballo galardoado enmárcase no importante problema da explotación sostible de recursos. 

Segundo explican a autora e os autores, no artigo analízase un modelo matemático para poboacións que se reproducen nunha determinada estación do ano “moitos peixes, insectos e plantas estarían neste caso” e que durante o resto do ano poden experimentar algún tipo de capturas, desde a pesca e a caza ata o control de plagas, entre outras.

Asumindo que se pode elixir unha determinada época do ano para levar a cabo as capturas “por exemplo, unha temporada de caza en outono ou en primavera”, a conclusión principal do estudo é que, cunha mesma intensidade de capturas, a elección do momento en que teñen lugar afecta notablemente a distintos aspectos como o número de individuos da poboación que haberá nos próximo anos, as oscilacións  no tamaño da poboación ou o risco de extinción.

Te puede interesar
Más en Universitas