UNIVERSITAS

A Casa da Xuventude dos 80, berce do Ourense cultural

gal01-1-_result
photo_camera Millán Brea, autor do estudio.

O pedagogo Millán Brea define o espazo da Casa da Xuventude de Ourense como o "epicentro do movemento xuvenil" da época.

Naceu en 1970 en pleno franquismo como reduto da Organización Juvenil Española e aprendeu axiña a voar en solitario, de forma independente e á marxe de consignas. Sen embargo, non foi ata a chegada da democracia e da figura de Benito Losada cando viviu un proceso de transformación modélico que a convertería no "epicentro do movemento xuvenil e cultural da cidade de Ourense durante os 80". Agora, 45 anos despois, o pedagogo Millán Brea analiza na súa tese de doutoramento o papel da Casa da Xuventude ourensá como experiencia histórica de educación social, centrándose na etapa transcorrida entre 1978 e 1992.

Na década dos 80, o seu "pioneiro e participativo" sistema de xestión baseado nun Consello da Xuventude cedía todo o protagonismo aos usuarios. Tratábase dunha comisión á que podía presentarse calquera persoa e a través da que durante un ano se racionaban os recursos económicos da casa: os mozos eran os verdadeiros encargados de dirixir este espazo social mentres Losada facía “de nexo de unión coa administración". "Estamos ante un proceso de transformación social no día a día, a política entendíase como participación e a Casa da Xuventude foi un experimento que se consolidou e motivou a liberdade entre a mocidade e a democratización cultural", salienta Brea, para quen "claramente o que Ourense é hoxe en día a nivel cultural ten o seu berce aquí".

Te puede interesar
Más en Universitas