UNIVERSITAS

Científicos da UVigo e da USC están inmersos na campaña antártica

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
photo_camera Nunha campaña anterior, neste grupo de traballo están Manolo García Gallego e Mariano Lastra, no centro.

Partirán de Vigo o 29 deste mes rumbo a Chile e chegarán á base de illa Decepción a bordo do Hespérides

A 13.000 km de España e a 1.000 km da cidade máis próxima está a base militar española Gabriel de Castilla, en illa Decepción, na Antártida. Estas instalacións, nas que científicos e militares comparten espazo na Campaña Antártica Española, será o fogar durante un mes para cinco investigadores das universidades de Vigo e Santiago de Compostela.

Este equipo liderado polo profesor de Ciencias do Mar Mariano Lastra desenvolverá un dos 20 proxectos de investigación nacionais e internacionais seleccionados para a XXIX Campaña Antártica, na que participan 100 científicos. Nestas semanas, os investigadores galegos están a rematar os últimos preparativos para partir cara a Antártida dende Vigo o vindeiro 29 de xaneiro. Terán por diante un mes para desenvolver un estudo centrado na análise dos efectos da descomposición de algas e o seu impacto nos procesos ecolóxicos e bioxeoquímicos asociados nos intermareais de illa Decepción.

O proxecto ten unha duración total de tres anos, un orzamento de 50.000 euros, e comprende dúas campañas na Antártida, a deste febreiro e outra xusto un ano despois e nel tomarán parte tres investigadores da Universidade de Vigo (Mariano Lastra, como IP, Jesús López e o director da Ecimat, Jesús Souza Troncoso) e dous da USC (José Emilio Mora e Manuel Ángel García).

Laboratorio nunha illa volcánica
A Campaña Antártica Española, presentada no campus de Pontevedra en novembro, dura 95 días ao longo dos cales van pasando pola base Gabriel de Castilla os diferentes equipos de investigación. Esta base atópase na illa Decepción, unha caldeira volcánica activa que conforma unha illa con forma de anel, cuxo centro é a baía Foster. O litoral presenta frecuentes quentamento xeotérmicos, polo que a costa en determinadas zonas rexistra elevadas temperaturas e fenómenos como fumarolas e emisións de vapor de auga e outros gases de orixe volcánico como metano, CO2 ou sulfuro de hidróxeno.

No verán austral as praias da illa, catalogada como Sitio de Especial Interese Científico e como Zona Antártica Especialmente Protexida (ZAEP 140), reciben importantes achegas de masas de algas que se desprenden e rematan na costa intermareal. Estes materiais teñen unha enorme importancia ecolóxica, “dado que subministran alimento e hábitat para moitas especies de invertebrados”, recalca Lastra, que explica tamén que a reciclaxe desta biomasa é a orixe de interesantes procesos bioxeoquímicos que dan lugar á liberación de nutrientes ao medio costeiro.

No caso da baía Foster, as fumarolas e fontes hidrotermais consecuencia da orixe volcánica da illa, condicionan os patróns de descomposición da biomasa algal, a súa colonización, consumo, fluxo de nutrientes e emisión de gases. Para analizar estes procesos levaranse a cabo mostraxes de campo e varios experimentos de manipulación do medio natural. Calcularase o stock, a taxa de reemprazo e a descomposición de macroalgas en oito estacións de mostraxe distribuídas en toda a costa.

A hipótese de partida do proxecto é que “tanto as elevadas temperaturas como os gases afectan aos procesos ecolóxicos e bioxeoquímicos asociados á descomposición da biomasa de macroalgas depositada en grandes cantidades polas mareas”. O obxectivo final do proxecto é xerar un modelo do funcionamento acoplado dos ecosistemas litorais de baía Foster.

Te puede interesar
Más en Universitas