GOBERNO NA UNIVERSIDADE

O Consello de Goberno aproba unha oferta de prazas de grao que supera as 3.700

Incluídas as 50 de Enxeñaría Aeroespacial e á espera de que Defensa confirme as do CUD de Marín

nnn Cunha aperta, palabras de ánimo e os mellores desexos de pronta recuperación ás familias dos docentes e investigadores José Antonio Vilán Vilán e Ángel Rodríguez Gallardo, comezou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, a súa intervención no Consello de Goberno celebrado este pasado luns. Pola súa banda, en representación da Escola de Enxeñería Industrial o catedrático Manuel Pérez Cota manifestou o seu pesar polo sucedido a José Antonio Vilán, ao que desexou unha pronta recuperación, ao tempo que manifestou a súa esperanza de que “nunca máis ningún ciclista sufra isto”.
Así deu comezo unha sesión na que os membros do Consello de Goberno deron luz verde ao limite de prazas de grao e máster e ao calendario académico para o vindeiro curso 2016/2017, así como á declaración de interese para implantar ou modificar no curso 2017/2018 varios títulos de grao, mestrado e programas de doutoramento, entre os que destacan as expresións de interese para a implantación dos programas Auga, desenvolvemento e sustentabilidade e Creatividade e innovación social e sustentable, produto dos procesos de especialización dos campus de Ourense e Pontevedra, respectivamente.

Na sesión tamén se aprobou a convocatoria de axudas á investigación para este ano 2016 e o acordo sobre a ampliación da duración do permiso de paternidade aplicables ao profesorado pertencente aos corpos docentes universitarios, que a partir de agora terán dereito a un permiso polo nacemento, acollemento ou adopción dunha filla ou un fillo cunha duración de 29 días naturais, que gozará o pai ou outra persoa proxenitora a partir da data de nacemento, da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola cal se constitúa a adopción. No caso de parto, acollemento ou adopción múltiple, o permiso será de trinta e cinco días naturais.

PRAZOS E PRAZAS
O vindeiro curso académico comprenderá do 1 de setembro de 2016 ata co 29 de xullo de 2017. En canto ao número de prazas de grao que a Universidade de Vigo ofertará para o próximo curso nos tres campus esta elévase a 3.713, a falta de sumarlle as do Centro Universitario da Defensa de Marín, que serán determinadas polo Ministerio de Defensa.

Esta cifra é moi similar á do presente curso, salvo por, unha banda, incluír as 50 prazas que ofertará o vindeiro ano o Grao en Enxeñaría Aeroespacial, que neste intre continúa a súa tramitación e, por outra, as reducións, igual ou de menos dun 5% tal e como contempla a lei, que se introducen en catro titulacións: o Grao en Comercio que pasa de ofertar 115 este curso a 110 o vindeiro; o Grao en Enxeñaría en Organización Industrial que pasa de 76 a 73; o Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais que pasa de 105 a 100 e Grao en Enxeñaría Mecánica que se reduce de 143 a 140. Por campus, Ourense ofertará 920 prazas, 50 máis que este curso ao incluírse as do Grao en Enxeñaría Aeroespacial; Pontevedra 715, as mesmas que este curso e Vigo ofrecerá 16 prazas menos, por mor da reducións operadas nos catro graos antes citados.n

Te puede interesar
Más en Universitas